MycoGalicia Plantae Produtos Contacto
Start A outra cara do monte
Combate biolóxico da avespa asiática?

Dadas as diferentes publicacións relizadas no territorio nacional sobre o emprego de Cordyceps militaris para combater a procesionaria do piñeiro (Thaumetopoea pityocampa) e as recentes noticias publicadas nos xornais «Faro de Vigo» (10/05/19) e «La voz de galicia» (14/05/19) sobre o proxecto gañador do concurso Galiciencia para combater a avespa asiática (Vespa velutina).

En primeiro lugar, darlles os parabéns aos dous autores por teren pensado nos fungos para afrontar un proxecto de investigación, e a Hifas da Terra por ter colaborado con eles. É fantástico ver que existen programas dedicados a introducir na investigación científica á xente nova.

Non obstante, pensamos que diante destas propostas de investigación tan apetitosas para un xornal polo sensacionalismo, é importante ser cautos e, da mesma maneira que un composto químico pode ser bo para tratar unha enfermidade, previos ensaios clínicos, cos insectos é necesario ver as consecuencias antes de pensar na loita biolóxica.

Ata agora só se coñecía o Cordyceps militaris como un axente natural parasito e combativo da procesionaria do piñeiro e algunha outra bolboreta. Estes ensaios poden ser perigosos porque os Cordyceps non saben ler, nin identificar a avespa asiática na natureza e poden atacar a calquera outro insecto autóctono.

Desta maneira, os insectos tan maltratados polos insecticidas químicos poderíanse ver tamén agredidos indiscriminadamente por fungos entomoparasitos, cun grave impacto ecolóxico, diminuíndo a biodiversidade e, neste caso, tamén os polinizadores.

Esperamos que todos os grupos de investigación e empresas que decidan empregar este tipo de control biolóxico, realicen os estudos necesarios antes de facer a súa aplicación en campo, e que as institucións, a través da lexislación e das inspeccións, protexan os recursos naturais tan importantes na nosa contorna.

Precaución! O coñecemento científico é innovador e creativo, pero está baseado na historia do coñecemento, e un experimento, aparentemente exitoso, pode causar verdadeiros estragos ao tentar aplicalo. Así nacen e crecen as pseudociencias.

Andrés Cordeiro
Administrador de MycoGalicia Plantae (EBT da Uvigo)

Descargar