A guía “Mixomicetos de Galicia e norte de Portugal” pretende mostrar un mundo de seres enigmáticos, de vivas cores, variadas formas e interesantísima bioloxía. Ao longo dos anos, durante moitas horas de saídas ao campo e estudo no laboratorio e na biblioteca, seguindo a estes marabillosos seres, os autores foron adquirindo coñecemento e empapándose de información, que queren partillar neste traballo con quen tamén sinta atracción por eles.

Que son os mixomicetos?

A denominación de Myxomycetes provén do grego (myxo: mucilaxinoso, mucoso e mykes: fungo), e equivale a fungos mucilaxinosos ou mucosos (slime molds ou slime moulds, schleimpilze, myxogastrids), o que describe de maneira sumamente gráfica o seu aspecto durante o período no que transcorre unha das súas fases vitais.

Dende o comezo do seu estudo polos botánicos foron considerados fungos, catalogándoos dentro deste grupo, buscándolles analoxías que permitiran clasificalos dentro do reino Fungi. A día de hoxe aínda se estudan e se publican os resultados das investigacións nas revistas micolóxicas, xunto cos fungos, incluso a súa nomenclatura está rexida polo Código Internacional de Nomenclatura Botánica, pero realmente distan moito do reino Fungi.

Dende 1998 incluíronse no filo Amoebozoa formando parte do reino Protista, no que se sitúan tamén os protozoos. Os estudos máis recentes, apoiados en traballos de secuenciación xenética modificaron as relacións taxonómicas, e na actualidade inclúense dentro deste reino Protista no filo Eumycetozoa, que engloba as clases Dictyosteliomycetes, Ceratiomyxomycetes e Myxomycetes.

Esta guía céntrase nas dúas últimas clases por ser as que tradicionalmente se consideran mixomicetos.

Características da guía

  • Autoría: Óscar Requejo Martínez e N. Floro Andrés Rodríguez
  • Páxinas: 315
  • Dimensións: 23×17 cm
  • Ano: 2024
  • Idioma: galego
  • Prezo final: 30,00 €
  • Prezo prevenda: 25,00 €
  • Editan: MycoGalicia Plantae e Grupo Micolóxico Galego Luis Freire

Como nace esta guía?

Despois de case vinte anos traballando con estes interesantes seres os autores xuntaron moita información sobre a súa bioloxía, características macro e microscópicas, distribución en Galicia e no norte de Portugal, e tamén atoparon moitas novas especies que por vez primeira se describían neste territorio. Por outra banda, non hai en España ningunha guía destas características, que describa e axude a identificar mixomicetos doutras comunidades autónomas. Levan máis de 5 anos traballando na Guía, coa interrupción da pandemia e unha paréntese tamén para publicar unha serie de catro artigos nos que puxeron ao día o estado dos mixomicetos en Galicia, catálogo, ecoloxía, fenoloxía, distribución etc.

Índice

  • Presentación
  • Sobre a guía
  • Introdución
  • Ecoloxía e distribución
  • O estudo dos mixomicetos no NO peninsular
  • Etnomixoloxía: a relación do ser humano cos mixomicetos
  • Xenética e taxonomía
  • Metodoloxía de traballo
  • Clasificación taxonómica e chaves para a identificación
  • Catálogo de especies
  • Glosario de termos
  • Índices de especies
  • Referencias bibliográficas

Estrutura da guía

Na primeira parte fálase sobre as súas características biolóxicas xerais, as súas estruturas vexetativas, ciclo biolóxico, ecoloxía, onde viven e en que época frutifican. Inclúese a historia do seu estudo en Galicia, dende a primeira mención dun mixomiceto no ano 1951. Analízanse os seus aspectos etnolóxicos, é dicir, a relación que o ser humano mantén cos mixomicetos, ás veces sorprendente. Dedícase un capítulo aos métodos e técnicas para o seu estudo, á taxonomía e á xenética na que hoxe se apoia. Preséntase no seguinte apartado, unha clasificación taxonómica dos mixomicetos atopados ata o de agora no noroeste da Península Ibérica, e unhas chaves para a identificación ata nivel de xénero. O seguinte gran apartado é a descrición, por orde alfabética, das 91 especies descritas. Por último, está un amplo glosario dos termos científicos utilizados, os índices de especies e xéneros, e as referencias bibliográficas mencionadas na guía.

Calendario do proxecto

Actualmente o libro atópase en fase de maquetación. Unha vez finalizadas as derradeiras revisións de formato, pasará á fase de impresión, tras a cal comezaranse a realizar os envíos do mesmo.

  • Maquetación (xuño-xullo 2024)
  • Impresión (xullo-setembro 2024)
  • Envío (setembro-decembro 2024)

Prevenda da guía “Mixomicetos de Galicia e norte de Portugal”

Podedes participar na prevenda para asegurar que recibades a guía. Coa prevenda reservaredes o voso exemplar, posto que a cantidade de guías dispoñibles dependerá da demanda durante esta fase. Así que non perdades a oportunidade de desfrutar deste novo lanzamento!

*Se preferides pagar o voso exemplar mediante transferencia ou doutra forma que non implique pasar pola tenda web, escribídenos a info@mycogalicia.es

Óscar Requejo Martínez

Nado en Segovia 1979, vive en Galiza dende moi novo. Micólogo, micófilo, naturalista e ecoloxista, afeccionado á fotografía. Dende 2006 forma parte do Grupo Micolóxico Galego Luís Freire, onde colabora na edición da súa revista Mykes, e actualmente exerce de Presidente. Autor de numerosos artigos de Micoloxía e especificamente sobre mixomicetos. Participou varios anos no Simposio de Botánica Criptogámica, foi membro do comité científico e organizador en encontros internacionais de micoloxía e impartiu conferencias e formacións sobre cogomelos e mixomicetos en todas as provincias galegas.

N. Floro Andrés Rodríguez

Nado en Vigo en 1951, onde exerceu como farmacéutico ata a súa xubilación en 2018. É Doutor en Farmacia, membro da Real Academia de Farmacia de Galicia e do Grupo Berbés de Investigación e Docencia.
Desde a súa fundación en 1992, forma parte do Grupo Micolóxico Galego Luís Freire, onde é parte do comité científico da súa revista Mykes, ademais de participar activamente nas tarefas de investigación e divulgación micolóxica do grupo. Autor de múltiples artigos científicos tanto no campo da Farmacia coma no eido da Micoloxía, centrándose estes últimos na súa maioría no mundo dos mixomicetos.

Como funciona a prevenda?

Onde se vai poder enviar o libro?

Podo solicitar factura da miña compra?

Se son unha tenda/asociación/biblioteca e quero facerme con varios exemplares, como podo facer?