Dentro das trampas adhesivas xa falamos do xénero Drosophyllum e da única especie que existe neste xénero: Drosophyllum lusitanicum. Este tipo de trampas esta conformado por máis xéneros, como como Triphyophyllum, Byblis ou Roridula, aínda que os dous máis coñecidos son Drosera e Pinguicula.
Aínda que existe unha gran variedade de estratexias todas teñen un carácter común, tratase de plantas que xeran unha substancia pegañenta na que a presa queda atrapada e pode ser dixerida despois pola planta. Descubre máis sobre a este tipo de estratexias a continuación.
Estratexias de captura das presas
O sistema de adhesión baséase na produción de pequeñas gotas denominadas mucilaxe. Trátase dunha solución moi viscosa, coma se fose auga pegañenta ou mesmo como a mel. Esta substancia aparece nas follas, ben de forma sésil ou ben xurdindo a partir dunha especie de tentáculos nos que quedan suspendidas.
Grazas ao cheiro dulzón que ten esta substancia, ao brillo que produce a mucilaxe cando lle da a luz e tamén a outros sistemas de atracción da folla como pode ser a cor, os insectos vense atraídos hacia elas. O que non se esperan é que quedarán completamente pegados.
No xénero Drosera a substancia adhesiva ou mucilaxe xérase no ápice dun pedúnculo, unha prolongación que a dispón a certa distancia da folla. Ademais estes pedúnculos teñen a capacidade de moverse levemente cando detectan un insecto atrapado noutra zona da folla, provocando que todos eles se dobren, e incluso, o enrolamento da folla, poñéndose en contacto con ela. Isto facilita a asfixia do insecto e tamén a chegada das encimas dixestivas que se liberarán no mucílago.
Outra das opcións sería a secreción sésil ou que case non se separa da folla. Un destes caso pode ser o do xénero Pinguicula onde o movemento que se produce na folla ocorre moitas horas despois ou incluso días. A folla simplemente enrolase un pouquiño para dentro como facendo unha pequena balsa paro o líquido, que pode favorecer a dixestión.
O enrolamento das follas varía entre especies, e no resto de xéneros habitualmente non ocorre, relizándose a captura simplemente pola capacidade pegañenta do mucílago, polo que son chamadas trampas ou sistemas de captura pasivo que se diferencia claramente do que ocorre en Dionaea muscipula, un peche activo xusto cando o insecto contacta cos tricomas.
Xéneros, especies e estado de conservación
Dentro dos xéneros e especies que existen no noso territorio, Drosophyllum lusitanicum é unha das máis relevantes, presente sobre todo en zonas de Portugal e no sur de España, algunhas tamén en Marrocos, moi contadas. Tamén existen algúns exemplares dos xéneros Pinguicula e Drosera, por exemplo Pinguicula nevadensis, propia de Sierra Nevada, ou P. lusitanica e Drosera rotundifolia en Galicia.
Con todo, estes dous xéneros son moi diversos, no caso de Pinguicula hai ao redor de unhas 95 especies en todo o globo, así como máis de 240 especies de Drosera. Debido a esta gran variedade de especies e distribución, o estado de vulnerabilidade no que se atopa cada unha delas é moi variables.
Triphyophyllum peltatum, outra especie con sistemas de captura adhesivos, distribúese pola zona de África. Esta planta forma unhas follas que non son carnívoras, como unha especie de liana, ata que en certo momento do ano forma un grupo de follas “carnívoras”, produtoras de pequenas gotas de mucílago. O xénero Byblis agrupa varias especies propias da zona de Autralia e tamén forman uns pelos pegañosos ao longo das súas follas coas que capturan insectos.
Por último, dentro do xénero Roridula pódense citar dúas especies con este sistema de captura, Roridula dentata e Roridula gorgonias, que se atopan distribuídas no continente Africano e probablemente, en perigo de desaparición.
Máis sobre as plantas carnívoras
As plantas carnívoras son aquelas que empregan nutrientes das presas que capturan para poder levar a cabo un crecemento e unha reprodución adecuada.
Se queres saber máis sobre este grupo de plantas: cal é a súa distribución, a súa evolución, como se poden conservar ou simplemente informarte sobre novas entradas acerca deste grupo de plantas, subscríbete ao noso boletín.
O noso compromiso coa educación ambiental de calidade está presente en todas as nosas actividades. Por iso, ao longo do ano realizamos obradoiros (actividades eminentemente prácticas), charlas divulgativas e saídas de campo, co obxectivo de trasladar a ciencia a todos os públicos, especialmente a micoloxía, a botánica e os recursos naturais.