Día Mundial da Vida Silvestre

Cada 3 de marzo dende 2013 celebramos o Día Mundial da Vida Silvestre co obxectivo de sensibilizar acerca da urxente necesidade de combater os delitos contra o medio ambiente e a conseguinte diminución de especies a causa da actividade do ser humano nos ecosistemas.

Toda a vida natural ten un valor intrínseco, dende os animais ata os pequenos microorganismos, pasando polas plantas ou polos fungos.

Os ecosistemas, que son resultado da interacción desta vida co medio que a rodea, cumpren unha enorme cantidade de servizos que fan posible a nosa existencia no planeta tal e como a coñecemos; unha cantidade de servizos tan diversa coma os numerosos hábitats que os conforman.

Non obstante, a vida silvestre non só ten un valor medioambiental, senón que tamén contribúe nos aspectos sociais, económicos e culturais que son pilares fundamentais para a subsistencia e o benestar do ser humano. Miles de millóns de persoas benefícianse da vida silvestre, ben como fonte de alimento e enerxía, como fonte de medicinas ou como parte do seu acervo cultural en forma de materiais para artesanía, obras de arte, inspiración…. É por iso que atentar contra a vida silvestre non só é un ataque contra a beleza do medio natural e a subsistencia das especies coas que convivimos na Terra, senón que tamén é un ataque contra a base que substenta a nosa vida tal e como a coñecemos.

Este ano é o décimo aniversario da proclamación deste día e, ademáis, o 50º aniversario da Convención sobre o Comercio Internacional de Especies Ameazadas de Fauna e Flora Silvestres, que constitúe un acordo de cooperación internacional para velar por un comercio de especímenes de animais e plantas que non constitúa unha ameaza para a súa supervivencia; o cal é, en esencia, un exemplo da cooperación internacional en pro da sostenibilidade e da protección do noso medio natural. É tamén, por desgraza, un exemplo de que todavía queda moito camiño por percorrer: un camiño que debemos percorrer xuntos.

Este ano 2023, o Día Mundial da Vida Silvestre leva como título: “Alianzas a favor da conservación da vida silvestre”

Esta é a homenaxe a todas as persoas que marcan a diferenza; dende asociación internacionais ata pequenos grupos locais con espírito conservacionista.

Dende MycoGalicia queremos formar parte, e por iso vos animamos a que sigades loitando por un mundo no que poidamos convivir coa natureza. É dicir: un mundo mellor para nós e para as xeracións que veñen detrás.