O “ouro negro” fai de novo historia

Dende MycoGalicia Plantae queremos darlle os nosos parabéns a todo o equipo de produción da película “O corno”, de Jaione Camborda. O filme foi galardoado este sábado 30 de setembro coa Cuncha de Ouro na 71 edición do Festival de San Sebastián. Un novo exemplo de que o cinema de autor, feito por mulleres e en lingua galega, non ten cancelas.

Mais, temos que dicir tamén que isto fainos especial ilusión porque entre os protagonistas tamén temos un fungo.

Imaxe da rodaxe de “O Corno”

O protagonista:

O corno, tamén coñecido noutros puntos do noso territorio como conizó, cornecelo, dentón ou grao de corvo, refírese a especie Claviceps purpurea. Trátase dun fungo do grupo dos ascomicetes, parasito do centeo e doutros cereais. Se presenta como unha excrecencia en forma de corno, con cores entre púrpura a negro, que se fixa nos grans das especies ás que parasita.

A relación deste fungo co ser humano é, sen dúbida algunha, tremendamente antiquísima. Xa no 1100 a.C, Chou Kung mencionaba o uso do esclerocio de Claviceps purpurea (coñecido co nome de Meih-meh) en obstetricia. Máis adiante, no 600 a.C., nos libros sagrados de Parsis, alértase sobre esta especie, que se trataría “dunha herba maligna creada por Ahrimán que provoca nas mulleres o prolapso do útero e a morte durante o parto”.

Posteriormente, na Idade Media, coñécese a intoxicación por consumo de pan elaborado con cereais contaminados con cornello. Esta intoxicación que cursaba de forma epidémica coñécese hoxe como ergotismo e, na antigüidade, como lume sagrado ou lume de santo Antón.

O ergotismo cursaba cunha forma gangrenosa ou de forma convulsiva, e non foi ate o 1670 que o médico francés Thuillier estableceu unha relación entre o cornello do centeo e o ergotismo. Isto o descubriu ao observar que non resultaba contaxioso e que afectaba fundamentalmente ao campesiñado máis pobre, que comían máis pan de centeo e aproveitaban todo o gran: san ou enfermo.

A partires do século XX

No 1943, Albert Hoffman descubre as propiedades alucinóxenas do fungo ao ser este fonte de LSD. Neste punto o cornello acada celebridade mundial e convértese nun fungo tremendamente codiciado por laboratorios de todo o mundo, chegando a ser coñecido como “ouro negro” ou “wolframio vexetal”, e pagándose por el unhas 1250 pesetas (7,5 euros) por kilogramo. Galicia e o norte de Portugal convértense neste punto en grandes exportadores da especie. Existe por tanto a posibilidade de que moitos dos nosos avós foran “narcotraficantes” sen sabelo.

Isto xuntouse tamén coa sabedoría das mulleres do pobo que, sen dispoñer de sistema de saúde gratuito para tratar as súas doenzas, recorrían en moitos casos á “sanación”, facendo uso de plantas e fungos. É na Guerra Civil e no franquismo que as curandeiras, sanadoras e comadroas, sabedoras das propiedades farmacolóxicas de C. purpurea, usábano na aceleración do parto ou para evitar hemorraxias posteriores, así como na práctica de abortos clandestinos. E é a isto ao que nos aproxima esta película imperdible que tantas ganas temos de ver xa nos cinemas!