Día Mundial do Solo

green leafed plant bokeh photography

Estás dando un paseo polo monte e é inevitable fixarse en toda a vida que te rodea: os paxaros, as árbores, os musgos nos muros e nas pedras dos camiños. Fronte nós temos a inmensidade da natureza que nos rodea e da súa incrible biodiversidade. Sen embargo, os nosos ollos non acadan a ver nin un ápice de toda esa realidade. Nin tan sequera a punta do iceberg.

Algunha vez pensaches en todo canto ocorre baixo os teus pes? Se collésemos unha culleirada de solo e puidésemos contar un a un os seres vivos que habitan nela, nos daríamos de conta de que superan –e por moito– o número de persoas no planeta. Todo iso nunha simple culleirada. Entonces, cando damos ese paseo polo monte, cada paso é mundo no sentido máis literal.

Falar do solo non é falar de terra e pedras; é falar dun organismo vivo extremadamente complexo. Este organismo vivo que é o solo está dividido nunha parte mineral, que é probablemente na que todos pensamos intuitivamente cando falamos del, e outra parte biolóxica conformada polos seres vivos que o habitan, e que son indispensables para que sexa tal e como o coñecemos. Cando apañamos terra entre as nosas mans, a súa textura e organización é como é debido a toda a maquinaria biolóxica que está funcionando nela; dende pequenísimos artrópodos ata un sinfín de bacterias, pasando por vexetais microscópicos, fungos, nematodos, amebas…

Este entramado biolóxico ten un importante papel na fertilidade do solo, que permite que nel se establezan e desenvolvan favorablemente as plantas, das que dependemos en grande medida para a nosa produción alimentaria. É neste contexto que cada ano o 5 de decembro dende 2014 celébrase o Día Mundial Do Solo a proposta da Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO). Escolleuse o 5 de decembro por ser o aniversario do rei de Tailandia Bhumibol Adulyadej, un dos grandes promotores da idea, a cal xa collera impulso en 2002 grazas á Unión Internacional de Ciencias do Solo (IUSS). 

Sen embargo, a actividade humana é responsable da constante perda de solo no noso planeta, ben pola súa mobilización, erosión, contaminación e mesmo perda de fertilidade. A degradación dun recurso tan vital para a nosa subsistencia afecta a máis de 2000 millóns de persoas en todo o mundo. 

Este ano 2022, o Día Mundial do Solo vén coa campaña “Os solos, orixe dos alimentos” co obxectivo de concienciar sobre a importancia dos mesmos para a produción alimentaria e unha nutrición óptima, reivindicando o seu manexo sostible e a empatía cara aquelas persoas que soportan a peor parte desta situación.