Ás plantas carnívoras adoitamos asociarlle un carácter exótico, xa que como falamos, so foi tralo descubrimento da “Venus atrapamoscas” (Dionaea muscipula) coa chegada ás Ámericas, que comezaron a despertar o interese da sociedade.
Isto pode dar a entender que son uns organismos totalmente afastados da nosa rexión, e que non é doado atopar estas estratexias nas plantas autóctonas de Galicia ou España. Pero non é así.
Descobre a continuación cales son as condicións nas que se desenvolven as plantas carnívoras, cales son as rexións que posúen unha maior biodiversidade e algúns dos xéneros e especies características da nosa área.
Distribución das plantas carnívoras
As plantas carnívoras ao ser tan pouco competitivas nos medios normais teñen que aproveitar aqueles nichos que as plantas comúns non empregan. En xeral, estes son os chans ácidos e que teñen moi pouco osíxeno porque están moi enchoupados de auga, ou incluso, que poidan ter residuos tóxicos ou metais pesados. Aquí é onde estas plantas son capaces de sobrevivir fronte á competición doutras polo seu mesmo espazo.
A pesar de todo isto, as plantas carnívoras atópanse en ambientes moi diversos. Con excepción das rexións árticas, foron quen de colonizar ambientes tropicais, temperado, e incluso semidesérticos, de alta montaña, así coma bosques boreais e taigas, o que fai que posúan unha distribución global, aínda que a en hábitats limitados.
Esta fragmentación adquire moita importancia na evolución das plantas carnívoras, xa que a abundancia de xéneros ou a restrición dos mesmos a un continente podería estar relacionada con eventos de diversificación ou deriva continental.
Neste sentido se nos fixamos nas áreas de maior biodiversidade destacan as rexións de Australia, Estados Unidos, Mexico e Sudamérica, seguidas dalgunhas rexións de Indonesia e zonas húmidas de Africa. No resto do mundo están máis limitadas en xeral, ou teñen poucos representantes.
As plantas carnívoras en Europa
Si tivésemos que falar dun ecosistema particular, sobre todo aquí en Europa, falariamos das zonas de turbeira: áreas domiñadas por vexetación briófita (musgos), en particular o Sphagnum, e que permanecen encharcadas durante a maior parte do ano, con chans eminentemente ácidos. É principalmente aquí onde poderíamos encontrar a maior parte destas especies, tanto en Europa coma España, aínda que podemos atopar algunhas en zonas de montaña húmidas, coma os Pireneos, ou incluso no suroeste español-portugués, moito máis seco.
No caso de Galicia, tamén temos especies concretas. A maior parte delas asociadas ás turbeiras das que falabamos previamente, ou zonas de montaña húmidas, coma algúns bosques de Pontevedra, no Parque Natural do Invernadoiro, etc… podendo atopar algunhas especies dos xéneros Pinguicula e Drosera, ou o curioso caso da carnívora acuática: Utricularia.
Que a presencia de plantas carnívoras no continente Europeo sexa máis limitada non quere dicir que non existan. Así, temos que destacar a sorte de contar con unha especie endémica da Península Ibérica coma Drosophyllum lusitanicum, presente no sur de España e Portugal e que representa unha das especies vexetais máis interesantes que podemos atopar non só, no noso país, se non do mundo.
Unha das principais características desta especie é o hábitat no que se atopa. O brezal Mediterráneo do suroeste da península Ibérica e extremo noroccidental de África, é unha rexión seca o que diferencia da maioría de plantas carnívoras presentes no continente europeo.
Se queredes afondar un pouco máis nas peculiaridades desta especie podedes botarlle un ollo á páxina web do grupo FEBIMED da Universidade de Cádiz.
Máis sobre as plantas carnívoras
Como acabamos de ver, as plantas carnívoras son aquelas que empregan nutrientes das presas que capturan sendo necesarias para un crecemento e unha reprodución, polo menos adecuada ou ideal.
Se queres saber máis sobre este grupo de plantas: cal é a súa distribución, a súa evolución, como se poden conservar ou simplemente informarte sobre novas entradas acerca deste grupo de plantas subscríbete ao noso boletín.
O noso compromiso coa educación ambiental de calidade está presente en todas as nosas actividades. Por iso, ao longo do ano realizamos obradoiros (actividades eminentemente prácticas), charlas divulgativas e saídas de campo. Co obxectivo de trasladar a ciencia a todos os públicos, especialmente a micoloxía, a botánica e os recursos naturais.