O relato «O cociñeiro de cogumelos» foi presentado por Adrián Melón Raña ao concurso de relatos da XXXVIII Semana Micolóxica Galega na categoría de Adultos.
Xa levaba esperto preto dunha hora cando finalmente abriu os ollos. A luz que se filtraba a través da madeira carcomida dos bordes da pequena ventá golpeáballe na faciana, ao tempo que unha profunda inspiración enchía os seus pulmóns de aquel aire húmido, cargado de salitre. Cando se levantou tivo que xogar cos pes para equilibrarse, acompasando o peso cos abaneos do HMS Arethusa que, mecido polas ondas, continuaba coa súa ruta polo mar céltico, preto da Canle da Mancha.
“Imos aló”, pensou. Xa levaba case un ano como cociñeiro daquel navío que xusto un ano antes fora capturado aos franceses. Como acabou o fillo da dona dunha posada na armada real, é unha historia longa que merece ser contada noutra ocasión. Encheu as mans na auga dun cubo que tiña para lavar as patacas e a botou pola vella e engurrada faciana queimada polo sol do Atlántico. Cun pano sucio da mesa atado na cabeza saíu a cuberta e estirou os brazos mentres prolongaba un bocexo preguiceiro, observando con certa envexa aos mozos que percorrían os obenques de arriba a abaixo reparando os aparellos e desenredando as vergas dos cabos que voaran pola noite, durante unha tempestade que se levara un foque e a un rapaz de quince anos que saíra despedido pola regala. Aquela mañá non se escoitaban nin salomas nin berros; todos traballaban en silencio sepulcral, co ánimo esfiañado e os estómagos revoltos.
Faltaban aínda un par de horas para o almorzo e non era precisamente laborioso: un vaso de café, biscoito e un chupo de augardente. O cociñeiro, que non era home solteiro, aproveitaba as mañás para escribir no seu diario para a muller e as fillas que agardaban por el en Brístol. Aínda que rematara facía algúns anos a guerra cos españois, o certo é que as rutas marítimas deixaban moito que desexar en termos de seguridade incluso para un navío da armada, polo que nunca se sabía se un volvería vivo a casa para contarlle á súa familia as súas vivencias, e aquela mañá tiña unha boa historia que contar.
Levo unha semana sen escribir. Foi unha semana complicada, e onte pola noite perdemos a un rapaz nunha tormenta, así que as cousas aínda non están precisamente tranquilas.
A semana pasada, xa de volta a casa, tivemos unha escaramuza cuns corsarios e vímonos envoltos na peor das situacións que pode atoparse un barco da armada real: ter que pedir axuda aos españois. Tiñas que ver como estaba o capitán, que non deixaba de rosmar mentres se paseaba pola cuberta día e noite. Perdéramos o pau maior e fracturouse a mesana, por non falar das velas do trinquete e das vidas de moitos dos compañeiros. Non tiñamos suficiente material para reparar o barco e a terra máis próxima era un lugar ao norte de Vigo.
Aínda non sei como é que non nos deixaron morrer de fame no mar. Deixamos o barco ancorado xunto a unha enorme praia chea de dunas que une unha illa co resto do continente. Detrás da praia hai unhas marismas cuxo final a vista non logra alcanzar, e nelas unha variedade de paxaros que nin sequera alí na nosa terra vira nunca, é algo incríbel. A que saberán?
A escolta da mariña española non nos deixou adentrarnos en terra máis aló do necesario, pero había un pobo preto do que acudiron algunhas persoas a trocar mercancías. Había una muller moi vella que levaba nun carro tirado por un animal de enormes cornos e, dentro do carro, un montón de cestos cheos de cogumelos, tantos que na miña vida vira xuntos, por non falar dalgúns que non sabería sequera dicir se o eran.
Miña nai sempre me dicía que non debíamos achegarnos a esas cousas, que eran cousa do demo e que só os empregaban as bruxas para os seus ritos maliciosos, pero o certo é que aquela muller non tiña moita pinta de ser perigosa, e de feito é que me deu ate pena vela alí soa, sentada na area cun mendrugo de pan duro agardando por alguén que quixera trocar con ela, e vendo que os seus propios veciños procuraban non achegarse demasiado a ela, penso que o que nos dicían os nosos pais non é moi diferente do que os españois lles din aos seus fillos. Sen embargo, decidín achegarme, xa que non tiña ren que facer. Xa sabes, miña querida, que eu falo moi mal o español, pero aínda así puiden comunicarme coa muller dun xeito rudimentario, e non te imaxinas as marabillas que me ensinou.
Tiña nun cesto unhas masas marróns e polvorientas que, de verdade, non teño moi claro se eran cogumelos ou outra cousa, pero tiña ao lado unhas madeixas de lá de cor laranxa. Non acheguei a entender moi ben o que quería dicirme, pero penso que empregaba aquelas cousas para tinguir a lá. Cambiei un par de vasos de ferro por unhas poucas para que lles fagas ás nenas uns gorros para o inverno.
Tiña uns cogumelos silvestres como as que medran no monte preto de Thickwood, marróns e rechonchos. Polo visto algunhas poucas persoas alí os comen e mos deu a probar. Pensei que se ela se alimentaba daquelas cousas e non estaba morta tan malo non podería ser, e xa sabes que eu nunca crin demasiado en Deus. Non sei como explicarte, miña querida, que aqueles cogumelos eran unha delicia, así crús. Dinlle uns cubertos a cambio dun cesto cheo. Fixen un debuxo na marxe para que saibas a cales me refiro.
Antes de que a garda mariña aparecese para indicarme que volvíamos ao barco tamén lle cambiei un cesto por unha cousa dura en forma de media lúa que, se non entendín mal os xestos que me fixo, serve para poñelo por riba das feridas. Xa te direi se a cousa é así. O que que podo dicirte é que aínda que me costou convencer aos grumetes que me axudan na cociña, aceptaron probar os cogumelos dos que te falei antes. Os preparei no guiso e teño que dicir que foi un auténtico éxito. Serán cousa do demo, pero alimentan que xa é máis do que fan a metade das cousas que temos no barco, por non fal-…
O son da porta ao abrirse de golpe chamou a atención do cociñeiro, que deixou de escribir. Dous gardas embutidos nas súas casacas vermellas entraron cos fusís cargados e apuntaron cara el.
― ¡Oes, con máis coidado! ¿Que ocorre? ― deulle tempo a dicir antes de que entrase o oficial de cuberta co seu uniforme impoluto en unha folla de pergamiño estendida fronte a el.
― Por orde do capitán, autoridade ao servizo da súa maxestade Jorge III, rei de Gran Bretaña e Irlanda, queda vostede arrestado baixo os cargos de bruxería e por atentar contra a saúde da tripulación, e por tanto condenado a morte por fusilamento. Esta maña fíxose saber que dous mariñeiros ao voso cargo se presentaron enfermos ao médico. Ambos aseguran que botou cogumelos na súa comida”.
― ¡Señoría! Pero eu tamén comín e me atopo perfectamente, ¿como vai ser iso? Seguro que o biscoito estaba malo.
― Que vostede non presente síntomas é proba de que o protexe o demo dos seus pérfidos actos.
Non tivo tempo de dicir ren máis. Os gardas se abalanzaron sobre el por riba da mesa e o reduciron contra o chan, o amordazaron e o levaron maniatado cara o pau maior. Boa parte da tripulación, moitos deles amigos do reo, miraban impasibles como levaban ao cociñeiro cara o seu patíbulo sen dicir palabra e mesmo coa mirada cargada dun odio irracional.
Non remataran nin de vernizar as gretas no mastro que xa ían furalo outra vez a balazos.
Ataron ao home con cabos arredor da madeira e lle vendaron os ollos que se saían das súas órbitas, aínda sen dar crédito de todo aquilo.
― Sabede todos os aquí presentes ante Deus todopoderoso que na armada da súa maxestade non se toleran os actos de paganismo e moito menos os dirixidos a alterar a orde e o benestar das boas persoas que tripulan esta embarcación.
Días máis tarde o HMS Arethusa chegaba ao porto de Brístol. Dous mariñeiros conversaban mentres preparaban os cabos para lanzalos ao peirao.
― Levo dous días con cagalera, ti ves isto normal? ― preguntaba un.
― A metade da tripulación está así. Eu botei todo o almorzo pola borda esta mañá. Outro mariñeiro asomouse tras eles.
― Non vos decatastes? O’Donnell atopou as caixas co biscoito cheas de mofo. Levamos case dúas semanas comendo da mesma trapallada.
― O bo do cociñeiro sempre se preocupaba por esas cousas.