[Resumo da conferencia impartida pola Dra. Marisa Castro, o 8 de novembro de 2021 no edificio Cambón (Vigo), con motivo da conmemoración dos 60 anos de divulgación micolóxica en Galicia, organizada por MycoGalicia Plantae e o Grupo Micolóxico Galego «Luís Freire»]
Galicia é un territorio considerado micófobo. Se entendemos por micofobia o rexeitamento indiscriminado e inxustificado aos cogomelos (Wasson & Wasson, 1957), a micofobia galega está máis lonxe que preto da verdade. No territorio galego utilizáronse os cogomelos desde tempos inmemoriais, con distintas finalidades, como o demostra a existencia de numerosos nomes populares (Ruíz Leivas, 2010; Castro, 2010).
De todos é sabido que só teñen nome popular aqueles organismos que, dunha ou outra maneira, son útiles ou perigosos para o ser humano, como brincabois (Amanita muscaria (L.) Lam.) especie alucinóxena que provoca trastornos tanto en animais como en humanos, carrocha (Phellinus igniarius (L.) Quél.)usado para acender o lume, carrocha do bidueiro (Fomitopsis betulina (Bull.) B.K.Cui, M.L.Han & Y.C.Dai), usada para afinar as navallas e como secante, bufo de vella ou peido de lobo (Lycoperdon sensu lato) como hemostático, antirritante ou antinflamatorio, bombas (Calvatia gigantea (Batsch) Lloyd e Pisolithus spp.), para tinguir e xogar os nenos e, como comestibles están estendidos nomes como cogordo, cogordón, choupín, zarrota, frade, patamela… (Macrolepiota spp.), cogordo malo (Macrolepiota venenata Bon e Chlorophyllum brunneum (Farl. & Burt) Vellinga), andoa e viriato (Boletus secc. Edule), orellanzos (Helvella lacunosa Afzel.), tortullo (Tricholoma equestre (L.) P.Kumm.), netorra (Russula cyanoxantha (Schaeff.) Fr.), pantorra, xirupato ou seta de coresma (Morchella esculenta (L.) Pers.), entre outros menos comúns e menos coñecidos. Todos eles son consumidos desde, polo menos, principios do século XX, claro que non se facía á vista de todos, senón ás escondidas porque eran considerados «comida de pobres», como as espigas ou as landras que se apañaban durante a rebusca nas terras de outros. As interesantes receitas observadas aínda nas nosas aldeas serven para confirmar que, nas zonas máis pobres do rural, non existía a tal micofobia.
O considerar Galicia terra micófoba é consecuencia da chegada de persoas procedentes do nordeste da Península Ibérica, que si eran consumidores, como Amando Castroviejo, rioxano e primeiro divulgador da micoloxía galega en Santiago de Compostela en cuxa universidade impartía clases. E dos empresarios cataláns, grandes consumidores dun tipo de cogomelos: «pinetell», «rovelló», «níscalo», entre outros nomes (Lactarius grupo dapetes), ao ver que no noroeste non se comían existindo grandes cantidades, especialmente no litoral.
É de resaltar que estas especies forman micorrizas específicas de coníferas, como o xénero Pinus, e as grandes repoboacións con diferentes especies de pino datan da década dos 40, antes ocupaban pequenas extensións e eran cortados polos propietario agrícola-forestais para obtención de madeira e non se lles deixaba medrar durante moito tempo.
Amando Castroviejo ensinou á súa familia a recoller e recoñecer cogomelos, tanto aqueles que apañaba en La Rioja como outros que identificaba mediante libros ou que lle ensinaban, durante a primeira década do século XX, os seus amigos, profesor Blas Lázaro Ibiza, micólogo madrileño, e profesor César Sobrado Maestro, da universidade galega (Castro et al., 1987).
O seu fillo José María, xunto co tamén escritor Álvaro Cunqueiro, claramente influído por escritores cataláns, como Juan Perucho, o bibliófilo vasco, Antonio Odriozola e outros participantes dos seus faladoiros en Pontevedra e Vigo, publicaron artigos en diversos periódicos galegos co fin de incentivar o consumo de cogomelos silvestres e facer que as persoas das cidades se animaran a saír ao campo a recollelos. Os primeiros en incorporarse a esta afección foron empresarios e intelectuais, como o oftalmólogo Antonio Beiras do que existe material gráfico que o certifica.
Así chegase á década dos 60, cando Antonio Odriozola comeza a dar algunhas charlas divulgativas, aínda que, coñecendo as súas limitacións e vendo a cantidade de cogomelos que atopaba e non coñecía, decide pedir axuda, na Escola de Capataces do Centro Forestal de Lourizán, ao profesor Carlos Valencia. Home entusiasta que participa con el na organización de cursos e xornadas micolóxicas polo suroeste de Galicia, ata o seu prematuro falecemento (1975).
Nesa mesma década realizáronse no CIF de Lourizán cursos de identificación de cogomelos aos que asistiron persoas moi relevantes na divulgación macromicolóxica galega, como o madrileño Mariano García Rollán, que despois realizou a súa tese de doutoramento con cogomelos comestibles da provincia de Ourense ou Ricardo Mínguez e galegos, como Amador Rodríguez Troncoso e Constantino Mariño, entre outros que foron deixando forte e longa pegada neste mundo da divulgación, de feito algún deles chegou a fundar algunhas asociacións micolóxicas, como os Bolouros de Foz.
Na seguinte década, desde o CIF de Lourizán, incorpóranse Francisco F. de Ana Magán e Antonio Rigueiro como investigadores forestais especializados no mundo micolóxico. E nestas datas aparece no mundo da divulgación micolóxica Antón Patiño, afincado en Vigo, home polifacético extremadamente activo: libreiro, filatélico, marchante de arte… que, con Odriozola e diversos afeccionados de Pontevedra e Vigo comezan a idear a creación dunha sociedade micolóxica. Case simultaneamente inscríbense A de Pontevedra e A Zarrota (Vigo).
Por esas datas, como na Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago estaba como catedrático de Botánica o Dr. José María Losa Quintana, que por un lado tiña obtido o título de doutor cunha tese sobre o xénero Inocybe e por outra, era fillo doutro botánico e micólogo Dr. Taurino Mariano Losa España, solicitan a súa participación. Non só acepta, senón que leva consigo ao seu alumno avantaxado, Luís Freire, que comezara a estudar cogomelos no ano 1950 e que estaba realizando a súa tese doutoral cos macromicetos da Selva Negra (Santiago, 1981), no campo da micoloxía, a segunda tese de Galicia.
O motor posto en marcha por Antón Patiño foi, máis ou menos, responsable de que por toda Galicia proliferaran “como fungos” asociacións micolóxicas propias ou integradas en outras culturais e naturalistas: Monforte, Ourense, Foz, Pontedeume (agora en Ferrol), Vilagarcía, As Pontes, Marín*, Porriño*, Cangas*, Riós*, Noia*, A Rúa*, O Barco de Valdeorras*… As indicadas cun * teñen escasa actividade ou están inactivas, con todo formáronse outras nos últimos 20 anos, que desenvolven moitos eventos durante o ano, como as de Lugo e Pontevedra (fundadas de novo con outro nome), Cambre, Cee, Ribeira e Bueu, entre outras.
Chegou un momento no que eran tantas as actividades que non eran suficientes os investigadores e afeccionados galegos para desenvolvelas, a pesar das novas integracións, como Marisa Castro (Santiago), Constantino Mariño (Foz), Ricardo Mínguez (Celanova), Ángel Alonso Sandoval (Ourense), Andrés Roca e Ramón Pato (Ferrolterra), Enrique Valdés-Bermejo e Aurelio Aguiar (Vilagarcía), Juan José Moldes (Marín), Lois Dapena (Monforte / A Rúa), Xoan Rolo (Quiroga), Jaime Diz e Dalmiro Bernárdez (Porriño), entre outros que se me deben escapar. Desculpas por iso.
Todas esas persoas non eran suficientes para cubrir as necesidades de esa Galicia efervescente e interesada na micofilia, a micofaxia e a micogastronomía, xa que todos tiñan (tíñamos) outros traballos e só voluntariamente e no tempo libre se podía colaborar nesas actividades micolóxicas durante os dous meses nos que agromaban os cogomelos en Galicia.
Ademais de cursos e xornadas nas que se impartían conferencias, se facían saídas ao campo e talleres de identificación macro e microscópica dos exemplares recollidos, tíñase decidido realizar un evento especial que aglutinara a todo o territorio, a Semana Micolóxica de Galicia, cunha semana de duración e na que os conferenciantes eran investigadores de prestixio, nas que se intentaba dar un maior nivel que o das xornadas de iniciación. Ao mesmo tempo comezouse a realizar a Feira Micolóxica de As Pontes e a Feira de Outono de Allariz co fin de poñer en valor o recurso micolóxico, os cogomelos.
Foi así como se incorporaron persoas de fora do país, tanto investigadores como Francisco D. Calonge, Mariano García Rollán e Gabriel Moreno, como afeccionados moi coñecidos e respectados en todo o territorio ibérico e mediterráneo, como Ramón Mendaza, Luis Montoya, José Manuel Ruíz, José Antonio Muñoz Vivas e Cristóbal Burgos (Euskadi), Miguel A. Pérez de Gregorio (Catalunya), Massimo Candusso (Italia), Françoise Candoussau (Francia), Natalina Azevedo (Portugal) e algúns máis da Península Ibérica e Italia, que participaron de forma puntual.
Todas eses eventos obrigaban a un calendario moi apertado de actividades, nas que se superpoñían moitas delas e que era necesario coordinar. Así fúndase, baixo a tutela de Antón Patiño, a Federación Galega de Micoloxía e, para que tivera un medio de difusión entre os seus asociados, publícase a revista Tarrelos (activa na actualidade).
Entre os galegos, uns desgraciadamente foron desaparecendo, con todo outros novos incorporáronse a este labor, conservando esa fortaleza divulgativa durante máis de 30 anos, con altos e baixos, pero aí está. Enumeralos a todos sería imposible para min, así que só mencionarei algúns dos máis coñecidos por ter diversas publicacións sobre macromicoloxía galega son Alejandro Mínguez, José M. Castro Marcote, Manuel Pose, José M. Traba, José M. Costa Lago, Julián Alonso, José Castro, Jaime Blanco Dios, Saúl de la Peña, N. Floro Andrés, Óscar Requejo, Purificación Lorenzo, José Rodríguez Vázquez, Juanjo Martínez, Concepción Zúñiga, ademais de excelentes conferenciantes como Jesús Blanco, Francisco Ribeiro, Manuel Costa, Carlos Puga, Alfonso Rey Pazos, Jorge Santoro, José Luis Tomé ou Lorena Cascallar, entre outros. Isto sen esquecer as novísimas xeracións que continúan a incorporarse.
A época do estudo da micobiota e do acercamento á micoloxía por parte de afeccionados, como ocorre en Inglaterra, Francia, Italia, etc. chegou bastante máis tarde (www.mykes.es -G.M.G.- e www.fgmicoloxia.org -F.G.M., revistas Tarrelos, Mykes e Micolucus, todas elas activas-).
A principios da década dos 80 publícase a primeira guía de cogomelos comestibles de Galicia, con 54 receitas para ensinar a tratalos na cociña (Castro & Freire, 1982), aumentado e revisado posteriormente (Castro & Freire, 1990, Castro, 2000, 2004).
O que mellorou a situación pode verse na actualidade (Castro, 2015), xa que afortunadamente son moitos os libros de divulgación con base científica publicados, tanto a nivel de Galicia (Fernández de Ana Magán & Rodríguez Fernández, 2000; Marcote et al., 2008, 2011, 2013; Marcote, 2010, Castro et al., 2004), como a rexións máis pequenas, como Ourense e Celanova (Mínguez, 2009, Mínguez & Mínguez, 2000, 2010), Burela (García-Echave, 2019), Salceda de Caselas (Requejo, 2010), O Courel (Alonso & Rigueiro, 2020). Unha das melloras claramente observadas nestas últimas publicacións é a calidade fotográfica, grazas á dedicación dos propios autores e á axuda das novas tecnoloxías.
Bibliografía citada
Alonso, J. & Rigueiro, A. (2020) Catálogo da macrobiota das montañas do Courel (Galicia, NO España). Monografías IBADER – serie Cadernos da Estación Científica do Courel. Ibader. Universidade de Santiago. Lugo.
Castro, M. 2000. Guía dos cogomelos comúns de Galicia. Edicións Xerais. Vigo.
Castro, M. 2004. Guía dos cogomelos de Galicia e Norte de Portugal. Edicións Xerais. Vigo (2021, 4ª edición).
Castro, M. 2011. Apuntamentos históricos da Macromicoloxía Galega. Mykes 14: 43-77.
Castro, M. 2015. Micología gallega: antecedentes y actualidad. Zizak 11: 5-9.
Castro, M. & Freire, L. 1982 Guía das setas ou cogumelos comestibles de Galicia. Edicións Xerais. Vigo.
Castro, M. & Freire L. 1990 Setas ou cogumelos comestibles de Galicia. Descripción e receitas para a boa cociña. Edicións Xerais. Vigo (1995, 3ª edición).
Castro, M., Freire, L., Fernández Toirán, M., González Palmou, O., Louzao, M.J., Pereiro, E. & Pérez Froiz, M. 1987 Historia da micoloxía galega. S.G.H.N. Santiago
Castro, M., Justo, A., Lorenzo, P. & Soliño, A. 2005. Guía micolóxica dos ecosistemas galegos. Baía Edicións. A Coruña.
Castro, M., Justo, A. & Lorenzo, P. 2010. Os 50 cogomelos máis comúns. Baía Edicións. A Coruña.
de la Peña Lastra, S. 2016. Guía micológica de Cortegada. Edita autor.
Fernández de Ana Magán, F.X. & Rodríguez Fernández, A. 2000. Os cogomelos nos ecosistemas forestais galegos. Edicións Xerais. Vigo.
García-Echave Puente, C. 2009. Guía de setas de Burela y A Mariña. Concello de Burela, Lugo (2019, 2ª edición).
Marcote, J.M.C. 2010. Guía de cogomelos dunares do litoral atlántico. Edicións Cumio. Vilaboa, Pontevedra.
Marcote, J.M.C., Pose, M. & Traba, J.M. 2008. Cogomelos de Galicia. Xunta de Galicia.
Marcote, J.M.C., Pose, M. & Traba, J.M. 2011. 500 setas del litoral atlántico y noroeste peninsular. Ed. Cumio. Ponte Caldelas (Pontevedra).
Marcote, J.M.C., Pose, M. & Traba, J.M. 2013. Cogomelos de Galicia y noroeste peninsular. Ed. Cumio. Ponte Caldelas, Pontevedra.
Mínguez Abajo, R. & Mínguez González, A. 2000. Cogomelos máis frecuentes nas terras de Celanova e Baixa Limia. Xunta de Galicia.
Mínguez Abajo, R. & Mínguez González, A. 2010. Nove ducias de cogomelos de Ourense. Deputación Provincial de Ourense.
Mínguez González, A. 2009. Cogomelos medicinais. Edicións Cumio. Vilaboa, Pontevedra.
Requejo, O. 2010. Guía micolóxica do río Caselas. Concello de Salceda de Caselas, Pontevedra.
Ruíz Leivas, C. 2010. http:// www.valdeorras.com/micologia [consulta 30/12/2019].
Wasson, V.P. & Wasson, R.G. 1957. Mushrooms Rusia and History. Pantheon Books. New York.
MycoGalicia Plantae, outono 2021