O 20 de maio é o día mundial das abellas e, como non, tiñamos que facerlles unha pequenha omenaxe no noso blog. O declive dos polinizadores e, particularmente das abellas domésticas (Apis mellifera), é unha das maiores preocupacións para o medioambiente e para a produción alimentaria mundial, xa que máis do 75% dos nosos cultivos dependen dos seus servizos. Por non falar de que a maioría das plantas, dependen delas e doutros polinizadores para sobrevivir.
Actualmente, as abellas domésticas enfróntanse non só ao cambio climático no noso país, se non que teñen que facer fronte a parasitos importantísimos como a varroa (Varroa destructor), un ácaro que diezma as colmeas de forma moi agresiva e que foi adquirindo resistencia á maior parte de tratamentos químicos empregados contra el. E, por outra banda, ao ataque da invasora “avespa asiática” (Vespa velutina), instalada na ampla maioría da Comunidade Autónoma de Galicia e que supón un alto impacto para os apicultores e o medioambiente.
Pero, sabías que ademais da abella doméstica existen outras que exercen un papel fundamental na polinización dos cultivos e dos hábitats naturais? A pesar de ser menos populares, os abellóns (Bombus sp.), as abellas carpinteiras, as cortadoras de follas e moitísimas outras traballan sen descanso nos nosos campos e bosques. Curiosamente moitas delas, son especies que non viven en colonias.
Aprende do teu entorno!
Animámoste a coñecer algunhas das especies ibéricas saíndo ao campo e fixándote nas flores e nos animais que as visitan. Seguro que ademais de abellas, podes observar vespas, moscas, escarabellos e outros invertebrados moi interesantes.
Se buscas unha guía de campo específica de abellas, a Editorial Tundra publicou en 2019 a “Guía de campo de las abejas de España” dos investigadores do CSIC Curro Molina e Ignasi Bartomeus.
Algúns consellos
Por último, facémosche a seguinte pregunta:
Estás a facer algo para protexer as abellas do teu entorno?
Suxerímosche dúas medidas moi doadas que podes levar a cabo no teu día a día:
- Deixa de empregar insecticidas no teu xardín e nos teus cultivos. Existen alternativas como a loita biolóxica, a aplicación de xabóns neutros ou o emprego de certos tipos de flora para contrarrestar aos insectos prexudiciais.
- Planta flores que produzan néctar no teu balcón ou xardín. Así, as abellas e outros polinizadores terán maior dispoñibilidade de alimento. Podes encontrar moitas guías na rede sobre que flores son mellores para elas. Pero case calquera que se che ocorra, será de gran axuda!