O 11 de febreiro foi proclamado Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en decembro de 2015. En recoñecemento ao papel clave que as mulleres desempeñan na comunidade científica, este día quere alentar a igualdade de acceso e participación das mulleres nos sectores científico e tecnolóxico.
Situación das mulleres na ciencia
O “Informe Mulleres Investigadoras” do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) publicado en 2021 volveu confirmar sen ningún tipo de dúbida o fenómeno coñecido como “diagrama das texoiras” que representa a tendencia da representación das mulleres na carreira científica. Mentres que nas etapas predoctorais a porcentaxe de mulleres supera o 50% con respecto dos homes, este vai reducíndose ao longo das subsecuentes etapas da carreira investigadora. Como científicas titulares, incluindo investigadoras distinguidas, a porcentaxe de mulleres é do 39,9%, e como profesoras de investigación diminúe ata un 26,9%.
Segundo a ONU, as investigadoras adoitan ter carreiras máis curtas e peor pagadas que os seus compañeiros, reciben becas de investigación máis modestas e o seu traballo ten unha representación minoritaria en revistas de alto impacto.
O futuro
A esta problemática é importante engadir que a falta xeral de visibilización que se fai do traballo realizado polas investigadoras resulta na falta de referentes para as xeracións máis novas. Ao longo da historia e pese aos intentos do resto da sociedade por silencialas, numerosas mulleres contribuiron de forma notable ao avance do coñecemento, non só científico.
Por exemplo, no ámbito da micoloxía, o pasado outono lembrávamos algún deses nomes na exposición: “Micoloxía en femenino”, onde algúns remóntanse ata principios do século XVIII. Mulleres e ciencia sempre foron da man, e que estas figuras reciban recoñecemento é un paso necesario.
Por tanto, dende MycoGalicia queremos alentar a todas as mulleres que estean a desenvolver a súa carreira profesional na ciencia e a todas aquelas nenas que teñan inquedanzas e desexen abrir a porta e dar os seus primeiros pasos nela.
A ciencia non ten fronteiras; ofrece un amplísimo abanico de posibilidades e de campos novos polos que apaixonarse, e que están sempre en constante evolución e nos que sempre quedan novas cousas por aprender. Non se trata só de descubrir cousas novas, senón tamén de ter un impacto positivo no mundo; de marcar a diferencia.
Facédevos valer e loitade polos vosos soño.