Bonete

O relato «Bonete» foi presentado por Melissa Domínguez Rodríguez ao concurso de relatos da XXXVIII Semana Micolóxica Galega na categoría de Adultos e foi valorada polo xurado deste concurso como segundo premio.


Aínda quedamos moitas bruxas en activo. Non esas que se dedican a escribir en Twitter como aliñan os seus chacras e suben fotos tomando té en Instagram. Tampouco somos vellas en vasoira con verrugas no nariz. Non, somos persoas normais e correntes, salvo porque podemos botar mal de ollo, enfeitizar e facer apócemas. Seguro que, sen sabelo, coñeciches algunha meiga ao longo da túa vida.

A bruxería é unha tradición principalmente de mulleres. Non é por mal, simplemente é unha cuestión práctica. A historia demostra que o orgullo masculino e a maxia son mala combinación. A sensación de poder leva, polo xeral, aos homes a meterse en guerras e liortas que non poden gañar; ou intentando facer maxia por enriba das súas posibilidades acaban coa súa vida antes de tempo. E entre educar a túa neta ou o teu neto no uso de artes perigosas, mellor non darlle poder destrutivo ao falcatrueiro da familia.

Pero ao longo da historia houbo moitos feiticeiros poderosos (coma o famoso Merlín) e cada día hai más magos de todos os xéneros. Non sei se é porque nos tempos de paz que vivimos os homes teñen a cabeza máis arrombada ou porque empezamos a desterrar estereotipos. Para o caso, imos a mellor. Canta maior variedade de feiticeiros, maior perspectiva.

Eu, concretamente, son unha bruxa especializada en fungos. Podo diferenciar cada especie de cogomelo, coñezo todas as propiedades máxicas de cada un e, por contado, son quen de crear todo tipo de apócemas con eles. Non somos moi coñecidas, e entre os que saben da nosa existencia non temos moi boa fama polo noso historial no ámbito dos velenos letais. Só hai que ver a Locusta, a primeira bruxa micóloga e os usos que ela lle daba aos cogomelos. Pero non tedes nada que temer, a maioría usamos as nosas habilidades para o ben. Sobre todo no ámbito médico. Ou vos creedes de verdade que Fleming atopou a penicilina por error?

No meu caso, herdei as dotes da miña avoa. Durante anos aprendín dela os mil cogomelos curativos e o modo de extraer deles as súas propiedades. Cando deixou o oficio, releveina como a curandeira da zona, mais o que a min realmente me gusta é experimentar e crear novos fungos. Evidentemente ando con moito ollo para evitar que os meus híbridos se volvan especies invasoras manténdoos baixo control estrito en ecosferas. E aínda que a miúdo as cousas non saen como esperaba, máis dunha vez teño logrado fitos incribles, como o “Peido de Luz eterna” (unha fusión entre a Mycena luxaeterna e a Calvatia gigantea, un cogomelo que explota en miles de esporas bioluminiscentes), unha mutación do “Chipirón de monte” que en vez de xerar o seu característico líquido bota un fluído doce e comestible parecido ao mel e o meu secreto mellor gardado… Bonete.

Para falarvos de Bonete teño que remontarme a varios anos atrás. Eu era aínda unha cativa curiosa aprendendo sobre o mundo máxico guiada da man da miña avoa. Despois da escola, e tras facer os deberes, ela sempre me levaba á parte traseira da súa casa, ao invernadoiro no que actualmente traballo, e alí ensinábame cada feitizo que coñecía. Era feliz e inqueda, aprendía cunha facilidade asombrosa, e demostraba ter un don para a maxia lixeiramente superior ao esperado nunha nena da miña idade. Toda a miña familia estaba orgullosa de min, e eu sentíame a mellor bruxa do mundo, capaz de conseguir o que ninguén puidera.

Unha tarde de venres encamiñeime coma de costume á casa da avoa. Tras axudarme cos deberes comezamos coas miñas clases extraescolares. Ata que a media tarde entraron de súpeto un veciños berrando por axuda. Ao parecer o fillo dun deles sufrira un terrible accidente de tráfico, non había ambulancias dispoñibles preto, e a única forma de salvarlle a vida era recorrendo á curandeira local. Case sen dirixirme a palabra, miña avoa colleu o seu material de traballo, un bote cunhas setas descoñecidas para min naquel momento, e botamos xuntas a correr.

Nunca esquecerei a imaxe chea de sangue do corpo tirado na estrada. Pero naquel momento o último do que os adultos se estaban a preocupar era dos posibles traumas dunha nena. A miña atención centrouse por completo en como a miña avoa traballaba, formulando palabras máis rápido do que eu mesma era capaz de entender, transformando en po as misteriosas setas vermellas e espallándoas habilidosamente sobre as feridas.

E o rapaz, tras moito esforzo, volveu das portas da morte.

Este suceso obsesionoume por anos. Descubrín que a seta que usara para levar a cabo aquel milagre chamábase Ganoderma lucidum, tamén coñecida como “Reishi”, “Cogomelo dos 1.000 años” ou “Elixir da inmortalidade”, un fungo con propiedades contra o envellecemento, fomentador do sistema inmune e estimulador da creación do sangue. Investiguei meses ata saber todo sobre ela, logrei facerme con mostras da mesma e ata cultivala. Coa axuda da miña avoa, aprendín os feitizos de alto nivel que axudaran ao rapaz a saír con vida dos meus pesadelos. Pero quería máis. Porque non so os homes déixanse levar pola ansia de poder. Entón cometín un crime.

Bonete era a mascota da miña avoa: un can de palleiro sen raza que levaba con ela máis anos dos que podía recordar. Tantos que non era quen de moverse pola idade más aló de ir da cesta onde durmía ao xardín para facer as súas necesidades. A miña familia levaba un par de días acordando que era hora de sacrificalo. Pero eu non era quen de deixalo ir, queríao demasiado, fora o meu compañeiro de xogos gran parte da miña infancia…

E a miña mente voou sobre os recordos daquel corpo esnaquizado na estrada.

Na noite antes da cita veterinaria metín a Bonete con coidado no seu transportista e escapeime ata o invernadoiro de traballo. Levaba anos investigando novos posibles usos do “Reishi”, e dende varios meses atrás, tamén indagaba a forma de usalo para lograr a inmortalidade. Tiña hipóteses, pero nunca me atrevera a ir máis lonxe do teórico. Ata ese momento de desesperación.

Pasei a noite poñendo en práctica as miñas ideas, sempre evitando facer sufrir a Bonete. Por varias veces estiven a piques de renunciar e rematar eu mesma coa dor do can, pero non me rendín. Dentro de min revolvíase o pánico por fallar e a adrenalina por conseguir algo do que ninguén fóra quen antes.

Ao día seguinte atopáronme durmida sobre a mesa de traballo ao lado de Bonete. Ou, polo menos, o que parecía Bonete. Xa non era un can de medio tamaño cuberto de pelo castaño. En vez diso último, todo o seu corpo estaba cheo de centos de pequenos cogomelos vermellos iguais aos que usara para devolverlle as forzas.

Obviamente, caeume un bo castigo. E dado que ninguén sabía que facer cun can cheo de fungos estraños, mantivémolo en observación para ver que pasaba. Tras uns días de convalecencia, Bonete espertou coa enerxía dun cadelo. Todas as marcas de vellez desapareceran, a cambio dun aspecto moi peculiar.

A día de hoxe, Bonete e o meu maior experimento. Non parece que os anos pasen por el, aínda que o teño baixo observación. Os cogomelos que lle crecen tampouco parecen ter nada raro, son tan comúns como os Reishi que usei na súa transformación. E quen sabe, tal vez co tempo atope o xeito de alcanzar a vida eterna sen ter que parasitar a ninguén. Pero tamén estou sopesando os inconvenientes morais do meu descubrimento. Por iso, polo de agora, que a existencia de Bonete quede entre vos e eu.

A próxima vez que coñezades a alguén, investigade un pouco sobre el. Tal vez sexa unha meiga. E non temades ás bruxas micólogas: pode que teñamos mala fama, pero tamén podemos obrar milagres.