Características das plantas carnívoras

O mundo das plantas carnívoras inspirou a moitísima xente, dende artistas a coleccionistas, botánicos ou simplemente afeccionados á flora, xa que era algo moi raro de ver nas plantas. Como unha planta ía alimentarse dun animal? Nun comezo, pensouse que esta capacidade de movemento tiña máis que ver cunha reacción defensiva das plantas, como o peche das follas de Mimosa pudica.

Descobre a continuación máis sobre a historia das plantas carnívoras, cales son as súas características e as súas principais diferenzas co resto de plantas.

Historia das plantas carnívoras

As plantas carnívoras non foron coñecidas ata ben entrado o século XVIII aínda que foron representadas de forma puntual nalgunhas obras da Idade Media, ou incluso no coñecido e misterioso manuscrito de Voynich, unha das referencias máis antigas na que aparece unha ilustración do que podería ser un exemplar do xénero Drosera e que data de principios do século XV. Pero non é ata o século XVIII que podemos atopar obras de carácter descritivo das mesmas.

Foi precisamente coa chegada ás Américas que moitos comerciantes e exploradores comezaron a enviar distintos produtos a Europa. Entre todos eses bens exóticos, é posible destacar unha especie moi coñecida por todos, a Venus atrapamoscas (Dionaea muscipula), xa que a súa capacidade para moverse chamou a atención de numerosas personalidades da época, que remitiron estes achados a expertos botánicos europeos.

Unha destas eminencias, foi o propio Carl von Linné, un dos naturistas que maior impacto tivo na ciencia actual, grazas ás súas achegas á botánica e á zooloxía, creando a taxonomía moderna dos organismos vivos. Nunha carta, recibiu a descrición desta nova especie, na que se comentaba o curioso movemento que realizaba, aparentemente para capturar insectos. Esta declaración, tan inesperada, provocou que Linné declarase que se unha planta se alimentase dun animal “iría contra a orde establecida na natureza por Deus”. Por esta razón asociou este movemento ao de defensa que xa se observara noutras plantas, coma o caso de Mimosa pudica.

Non é ata 1875 que se empeza a afondar no estudo destas plantas cos primeiros tratados e obras científicas. A primeira aproximación foi realizada por Charles Darwin na súa obra “Plantas insectívoras”, na que, acertadamente, falaba do mecanismo co que as plantas atraían e capturaban insectos coa intención de alimentarse deles. Por suposto, naquela época estas declaracións supuxeron un escándalo.

E aínda que pareza que pode ser doado, definir con exactitude que é unha planta carnívora é algo complexo.

Que é unha planta carnívora?

En principio, podemos dicir que as plantas carnívoras son aquelas que empregan nutrientes das presas que capturan para poder ter un crecemento e unha reprodución adecuada ou ideal. Nalgúns casos, as plantas carnívoras poden prescindir das súas presas ao longo do ano para crecer no medio, pero isto pode supor unha complicación á hora de reproducirse, como a produción de flores, calidade das sementes, etc.

Este tipo de plantas presentan adaptacións, tanto morfolóxicas como metabólicas, que están dirixidas á atracción das presas, como poden ser as cores rechamantes ou certos cheiros que liberan para atraelas.

En moitas destas plantas tamén se modifican as súas follas, que se adaptan para actuar como un sistema de captura para diferentes insectos. Estas trampas son precisamente o que máis nos chama a atención delas, aínda que en moitos casos, só coñecemos os exemplos máis evidentes, coma as trampas móbiles da Dionaea muscipula.

Xunto a esta modificación morfolóxica, moitas das plantas que se inclúen neste grupo posúen un sistema especializado de dixestión e absorción dos nutrientes que obteñen das capturas. É dicir, glándulas que absorben e glándulas que producen enzimas para metabolizar eses compostos.

A pesares disto, non é tan doado separar as plantas carnívoras das que non o son, xa que existen algunhas que presentan adaptacións morfolóxicas, en forma de trampas, pero carecen de glándulas que lles permitan absorber nutrientes das presas que capturan. E incluso algúns grupos a nivel taxonómico, puideron perder algunha destas estratexias a pesar de que outras especies achegadas aínda as manteñan.

Pero, cales son entón estas principais diferencias se comparamos plantas comúns e carnívoras?

Adaptacións das plantas carnívoras

Se comparásemos, por exemplo, unha planta común cunha planta carnívora veríamos que o desenvolvemento da raíz, co obxectivo de obter nutrientes do chan, é moi reducido nas plantas carnívoras, case dedicado exclusivamente á absorción de auga e á fixación da planta no terreo. Do mesmo xeito, as follas non están especializadas en facer a fotosíntese, xa que están dedicadas en forma, tamaño e mecanismo cara á captura das presas.

Se o vemos desta forma, unha planta normal como unha pataqueira ten unha maquinaria moi ampla de follas especializada na fotosíntese (en producir enerxía) e, as raíces centradas en obter nutrientes e captar unha gran cantidade de auga. O que as converte en condicións ideais en plantas moi competitivas no seu medio.

Pola contra, as plantas carnívoras empregan a maior parte da súa enerxía en tentar realizar capturas e obter nutrientes a partir das mesmas, investindo menos na maquinaria fotosintética e a captación de nutrientes do chan, que é practicamente nula. Isto fai que sexan, en xeral, plantas pouco competidoras, xa que non poden medrar, tomar recursos ou ocupar os espazos á velocidade que o fan as plantas comúns.

Por este motivo, as plantas carnívoras localízanse en medios onde outras plantas teñen problemas para sobrevivir, atopando un nicho perfecto onde crecer e reproducirse ao seu ritmo. Estes espazos poden ser chans moi pobres en nutrientes, encharcados, con metais pesados, crecendo sobre outras plantas onde case non hai terra dispoñible, ou incluso sobre a auga.

Pero, se tan complexa pode ser a súa reprodución, como fan para non comerse aos insectos polinizadores?

Moitas destas plantas atoparon a solución: afastar o máximo posible as trampas mortais, das atraentes flores que producen. Xerando un caule ben elevado e longo, facilitan que os polinizadores alados poidan chegar ás flores sen o risco de caer nas trampas. Aínda que cada especie, adáptase dunha forma ou outra a este dano colateral da súa fascinante carnivoría.

Máis sobre as plantas carnívoras

Como acabamos de ver, as plantas carnívoras son aquelas que empregan nutrientes das presas que capturan sendo necesarias para un crecemento e unha reprodución, polo menos adecuada ou ideal.

Se queres saber máis sobre este grupo de plantas: cal é a súa distribución, a súa evolución, como se poden conservar ou simplemente informarte sobre novas entradas acerca deste grupo de plantas subscríbete ao noso boletín.

O noso compromiso coa educación ambiental de calidade está presente en todas as nosas actividades. Por iso, ao longo do ano realizamos obradoiros (actividades eminentemente prácticas), charlas divulgativas e saídas de campo. Co obxectivo de trasladar a ciencia a todos os públicos, especialmente a micoloxía, a botánica e os recursos naturais.