A problemática
Todos os anos durante o outono, nos montes e bosques galegos podemos ver unha mesma estampa: grupos de xente ou persoas en solitario cargando con cestas que se adentran entre as árbores na procura de cogomelos. Non é raro que despois destas visitas, se imos a eses mesmos lugares, comecemos a ver cogomelos rotos, o solo revolto, lixo polo chan ou incluso a estes apañadores volvendo con cestos cheos de cogomelos, comestibles ou non.
Por estes motivos, todos os outonos atopámonos con propietarios de terreos fartos do esquilme e maltrato dos seus montes e, nos hospitais, intoxicacións por consumo de cogomelos mal identificados.
Por sorte, estas dúas situacións teñen solución: que os apañadores teñan formación en micoloxía e que os terreos de aproveitamento estean regulados.
Deixámosvos unha pequena entrevista coa fantástica Bibiana Villaverde no programa Voces de tu Ciudad de Radio Voz, falando precisamente desta situación e o valor da figura do couto micolóxico.
Algunhas posibles solucións
Por unha banda, se os apañadores que saen ao campo teñen un coñecemento previo sobre como levar a cabo a identificación correcta dos cogomelos, evitamos as intoxicacións. Pero non só isto. Un apañador que coñece o valor dos fungos nos ecosistemas, só seleccionará os exemplares que realmente vai cociñar e consumir e, os collerá no estado de maduración adecuado (nin moi novos, nin moi vellos), respectando o resto de especies non comestibles e o proceso reprodutivo dos fungos.
Se, ademais, o apañador coñece a lexislación, saberá que os cogomelos só poden ser arrincados enteiros do substrato onde crecen. Isto permite conservar todas as súas características de identificación, pero o que é máis importante, evita deixar unha ferida aberta pola que enfermidades e patóxenos poidan afectar ao micelio produtor de cogomelos, conectado ao trozo de cogomelo que deixamos tras cortar un exemplar. Isto revirte non só na conservación das especies produtoras de cogomelos, senón en que teñamos producitividade suficiente ao longo dos anos nos montes onde se apañan cogomelos de forma regular. O bo apañador tamén saberá que só está permitida a apaña de 2 Kg de cogomelos por persoa e día, o que evitará o esquilme dos cogomelos e permitirá que outras persoas tamén poidan desfrutar deste recurso.
Pero agora que temos aos nosos apañadores formados. Que pasa co monte? O monte é de todos? Podo apañar cogomelos en calquera lugar? Esta é unha pregunta que estamos habituados a escoitar.
A figura do couto micolóxico
Do mesmo xeito que non nos parecería correcto entrar na finca dun produtor@ de maceiras e roubarlle as mazás das súas árbores (que plantou e coidou), o mesmo ocorre co recurso micolóxico.
Dende a creación da lexislación micolóxica galega no decreto 50/2014 e na súa actualización no 73/2020, relativos aos aproveitamentos forestais en Galicia, aparece a figura do Couto Micolóxico.
Os coutos xorden co obxectivo de protexer o recurso micolóxico nos terreos privados (de particulares ou das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común) e públicos, nos que se pretende aproveitar os cogomelos, para uso recreativo ou comercial, ou simplemente para limitar a apaña de cogomelos por persoas alleas á propiedade.
O propietari@ pode prohibir a apaña de calquer cogomelo do seu terreo (estea ou non pechado), indicando con cartelería, ou calquera aviso visual no lugar, que o recurso está protexido (do mesmo xeito que se poden ver carteis de “prohibido apañar castañas”). Ademais, o don@ pode decidir se permitir a apaña só de certas especies ou de certas cantidades no seu terreo. Habitualmente nos coutos os visitantes terán a obriga de adquirir previamente un permiso de apaña de cogomelos, que pode ter un custo concreto, segundo decida o propietari@. O feito de ter que solicitar permiso para acceder ao monte, pode axudar na valorización do propio recurso micolóxico dese espazo.
Isto implica que antes de poder apañar cogomelos en calquera monte, é preciso que o apañador consulte se existe algún tipo de limitación nesa zona que vai visitar, mercar os permisos precisos e, cumprir a lei en canto á prohibición de recoleción se é o caso, ou á normativa de apaña do decreto 50/2014.
Proxecto MYCOUTO
Para concluir esta reflexión, cabe destacar que a pesares da existencia de algo máis dunha vintena de coutos micolóxicos en Galicia, a información sobre a ubicación dos memos, a súa titularidade ou datos de contacto, non está publicada nin foi divulgada pola propia Xunta de Galicia. Isto dificulta que os potenciais usuarios dos coutos poidan coñecer información básica dos mesmos, limitando a dinamización desta figura, moi descoñecida aínda a día de hoxe.
Co obxectivo de poder aglomerar nun punto de consulta común todos os coutos galegos vixentes, dende MycoGalicia decidimos crear o proxecto MYCOUTO.
Nunha única páxina web, MYCOUTO pretende recoller a ubicación e contacto dos coutos galegos de forma ordeada e actualizada, para que calquera usuario poida pescudar a ubicación exacta dos coutos máis preto del, que limitacións existen de apaña de cogomelos (especies, cantidades, prohibición total…), onde mercar as autorizacións ou carnés, o contacto dos xestores do terreo, etc.
Dispoñer desta información, actualizada, ordeada e accesible, é básico para que os propietarios poidan rendibilizar e protexer os seus terreos e, que novos coutos poidan ser creados, así coma ofrecer aos seus usuarios a seguridade de que están a realizar unha apaña sostible co seu entorno e colaborando co mantemento destes espazos. Este esforzo común contribuirá á conservación das especies de cogomelos máis demandadas, xa que axudará a controlar e estabilizar a apaña dos mesmos nos espazos regulados e, os apañadores chegarán informados de cales son as metodoloxías de apaña que deben levar a cabo.
Se tes un couto, axúdanos a que sea coñecido por toda a poboación, rexístrao de balde no proxecto MYCOUTO. Dende MycoGalicia, se o precisas, tamén poderemos asesorarte na súa creación, ponte en contacto connosco para calquera consulta.
Deixámosvos tamén un artigo que resume esta situación redactado pola Dra. Marisa Castro no xornal El Correo Gallego para a vosa reflexión https://www.elcorreogallego.es/opinion/firmas/coutos-micoloxicos-en-galicia-GF12354222