Día Internacional das Mulleres Rurais

O 15 de outubro é o Día Internacional das Mulleres Rurais, que neste ano celébrase baixo o lema “as mulleres rurais cultivan alimentos de calidade para todas as persoas”.

As mulleres e nenas rurais co seu constante traballo no campo garanten a seguridade alimentaria das súas comunidades e proporcionan alimentos a moitas nacións do planeta, axudando así ao desenvolvemento mundial e á loita contra a fame. Cabe destacar que esta é unha contribución significativa xa que as mulleres rurais representan unha cuarta parte da poboación mundial!

O esforzo deste gran colectivo fomenta a mellora agrícola e fortalece a economía das nacións, sendo unha peza clave nos sistemas alimentarios dos que dependemos en gran medida.

O sector da agricultura nos países en desenvolvemento e nas zonas rurais procura unha importante fonte de traballo para as mulleres desas comunidades. Non obstante, pese á gran importancia da súa labor, a maioría sofren unha discriminación significativa e vense prexudicadas polas precarias condicións laborais, o que reflicte negativamente na súa calidade de vida e limita o alcance do seu traballo.

A maioría das mulleres rurais carecen dun completo acceso a recursos fundamentais para o seu oficio, como pode ser a terra ou materiais agrícolas, así como a dereitos básicos como educación, sanidade ou infraestruturas. Isto débese en gran medida a que moitas delas viven en países cun baixo nivel de desenvolvemento e con normas sociais e políticas discriminatorias. Se as mulleres rurais tivesen as mesmas condicións e dereitos que os homes a súa contribución incrementaría, o que suporía un beneficio a nivel mundial.

Para reivindicar todo isto, as Nacións Unidas estableceron este día, de xeito que se poida valorar o papel fundamental que levan a cabo as mulleres rurais, para apoiar o seu gran esforzo e non esquecer a necesidade de conseguir que todas elas teñan os mesmos dereitos como persoas.