Día da ciencia en galego

the punta nariga lighthouse in galicia spain

A ciencia e o seu avance proporciónanos unha infinidade de recursos dos que nos servimos para o noso día a día, dende un novo tratamento médico, ata o estudo do clima ou a mellora da produtividade dos cultivos. Nestas últimas décadas nas que precisamos do desenvolvemento dunha industria e modos de vida mais sustentables, a ciencia e os estudos que xorden deste método de traballo e investigación son básicos para acadar estes obxectivos.   

Os múltiples beneficios que obtemos da ciencia a nivel colectivo é un motivo de celebración, por iso, dedícaselle o 10 de novembro como Día Internacional da Ciencia para a Paz e o Desenvolvemento. Ademais disto, en Galicia, celébrase un día no que se valora o uso da lingua galega como medio vehicular da ciencia, o 4 de novembro, Día da Ciencia en Galego.

Para que o coñecemento científico poida divulgarse, compartirse e, en definitiva, fomentar o avance da nosa sociedade, as linguas de comunicación son elementos fundamentais na súa difusión. A tendencia na maior parte dos ámbitos científicos é que esta lingua sexa o inglés, pola súa presenza e dominancia a nivel mundial. Pero que pasa co resto de linguas da nosa contorna? Son menos válidas para divulgar o coñecemento científico?

Non.

Cada lingua permite que a información chegue no ámbito rexional a todas as persoas dese entorno. Empregar outras linguas ademais do inglés permite que o coñecemento sexa accesible para todos, incluidas aquelas persoas que non dominan ese idioma, facendo que a ciencia sexa afín e próxima en tódolos ámbitos da nosa sociedade.

O galego está presente en multitude de situacións ligadas á ciencia: coma as clases universitarias, os traballos científicos, exposicións, seminarios de estudo, libros ou mesmo pesquisas de información. 

O galego coma lingua vehicular e de expresión ten valor: fainos crecer como sociedade, fomenta a diversidade, a conexión con outras linguas e culturas romances e a accesibilidade o coñecemento. 

Por iso depende dos científicos galegos fomentar tamén a presenza deste idioma no ámbito académico. Escribe, fala, defende, comparte, crea… en galego. Nós, seguiremos esforzándonos porque o galego sexa parta de nosa identidade.

Traballemos para que a lingua galega continúe acollendo o coñecemento.