Levamos un tempo sen publicar nada no noso blog e non podíamos esperar máis para anunciarvos que nesta primavera imos traer novos obradoiros xunto a Extensión Universitaria da Universidade de Vigo. Como todos os anos volven os obradoiros de domesticación de cogomelos e un novo obradoiro para dar a coñecer as arbores e os seus usos.
Descobre as novidades que se incluirán durante esta tempada e os novos obradoiros que imos realizar.
Obradoiro de domesticación de cogomelos
Levamos máis de 4 anos realizando obradoiros de domesticación de cogomelos nos que vos explicamos como realizar todo o proceso de domesticación de fungos saprotróficos. Neles ademais de explicar o proceso produción queremos que os nosos alumnos saiban máis sobre a seguridade alimentaria, a trazabilidade e a situación da comercialización de micelio de fungos saprotróficos e micorrícicos en España.
Dicir que o proceso de produción de cogomelos é sinxelo sen coñecer a bioloxía dos fungos macromicetos ou os patóxenos que sofren estas producións parécenos un risco para á seguridade do alumnado por iso sempre realizamos os obradoiros de domesticación cunha visión integral sobre o proceso de domesticación de fungos macromicetos.
Nesta ocasión o obradoiro será impartido en modalidade semipresencial coas sesións teóricas impartidas en modalidade telemática e as sesións prácticas de xeito presencial garantido en todo momento a seguridade.
Cultivo de cogomelos en Ourense
No Campus de Ourense as sesión teóricas terán lugar na nosaplataforma de ensinanza virtual Enmaxe e as sesións prácticas na Facultade de Ciencias Experimentais todos os Mércores lectivos de 16:00 a 19:00.
Poderedes inscribirvos na páxina web de extensión universitaria dende o Mércores 10 de febreiro ás 8:00 ata o mércores 24 de febreiro ás 23:59. Este obradoiro pasará á modalidade de videoconferencia se a situación o require.
Cultivo de cogomelos en Vigo
No Campus de Vigo as sesión teóricas terán lugar na nosaplataforma de ensinanza virtual Enmaxe e as sesións prácticas na Facultade de Bioloxía todos os Lúns lectivos de 16:00 a 19:00.
As inscrición xa están pechadas pero recomendámosvos que contactedes con extensión universitaria antes do venres 26 febreiro se tendes interese en participar.
Usos das árbores
O ano pasado algúns de vos tivestes a oportunidade de participar no obradoiro Como coñecer as árbores que te rodean no que vos achegamos a identificación das especies arbóreas máis comúns en Galicia. Este ano retomamos este obradoiro en colaboración a Extensión Universitaria da Universidade de Vigo.
Se coñecedes os nosos obradoiros de identificación de cogomelos debedes de saber que a dinámica que imos seguir será moi semellante pero aplicada ás arbores. Falaremos de todas as estruturas que permiten a identificación das plantas e explicaremos como identificar as diferentes especies nas saídas de campo.
Como os obradoiros de identificación de cogomelos estes obradoiros terán modalidade semipresencial coas sesións teóricas impartidas en modalidade telemática e saídas de campo de xeito presencial, fragmentando aos participantes en grupos máis reducidos e garantido en todo momento a seguridade.
Usos das árbores en Ourense
No Campus de Ourense as sesións teóricas terán lugar na nosa plataforma de ensinanza virtual Enmaxe e as sesións prácticas na Facultade de Ciencias Experimentais todos os Xoves lectivos de 16:00 a 19:00. Este obradoiro pasará á modalidade de videoconferencia se a situación o require.
Poderedes inscribirvos na páxina web de extensión universitaria dende o Mércores 10 de febreiro ás 8:00 ata o luns 16 de febreiro ás 23:59.
Usos das árbores en Vigo
No Campus de Ourense as sesións teóricas terán lugar na nosa plataforma de ensinanza virtual Enmaxe e as sesións prácticas na Facultade de Bioloxía todos os Martes lectivos de 16:00 a 19:00. Este obradoiro pasará á modalidade de videoconferencia se a situación o require.
Poderedes inscribirvos na páxina web de extensión universitaria dende o Mércores 10 de febreiro ás 8:00 ata o xoves 11 de Marzo ás 23:59.