O país dos fungos

O relato «O país dos fungos» foi presentado por Tixiana Albizúa Cabaleiro ao concurso de relatos da XXXVIII Semana Micolóxica Galega na categoría de Adultos.


Antes de abrir os ollos varias voces soaban preto de min.

– De veras é un ser humano? – dixo unha.

– Ten toda a pinta – contestou outra máis ronca.

– Ai, que medo! Estase espertando!

Cando por fin puiden ver onde estaba uns estraños atopábanse diante miña. Eran seis, había dous grandes e catro pequenos, escondidos tras os outros. Todos ficaban abraiados para min.

– Es un ser humano? – preguntou un dos grandes.

E logo? Que pregunta é esa? Se eles tamén o son. Aínda que uns humanos con roupas moi particulares. Observándoos mellor decateime das vestimentas tan raras que usaban: tres dos máis pequenos vestían totalmente de cor branco xunto cun gran sombreiro que lles tapaba a cara, os outros dous eran moi parecidos a un dos grandes, tanto a súa roupa como o sombreiro eran dun gris azulado, e o último, o que fixo a pregunta, levaba o sombreiro de cor marrón e a roupa branquecina.

– Pois claro! – respondín facendo notar a miña molestia.

Déronse a volta e murmuraron algo que non puiden escoitar. Cando se volveron virar faloume o do sombreiro marrón mentres me axudaba a erguer.

– Vente comigo, vou ensinarte un sitio que tes que ver.

– Eh! Agarda! – dixen a piques de caerme – onde me vas levas?

– Veña ségueo – díxome o outro empuxándome. Notei un leve aroma familiar cando se achegou a min pero non puiden recoñecelo.

Cando alcancei ao outro a súa pel mudara, agora era da mesma cor que a roupa, ata tiña como pequenos cadradiños polo seu corpo.

– Que lle pasou á túa pel? – preguntei pasmado.

– O que? Non lle pasou nada – dixo mirándose as mans– sempre foi así.

Mireino estrañado pero supuxen que sería algunha enfermidade. Volvín preguntar onde me quería levar e respondeume cun vago sorriso.

– Xa o verás.

– Polo menos dirasme o teu nome.

Votouse a rir sonoramente antes de contestarme.

– De verdade crees que cho vou dicir tan facilmente? Deberías sabelo ti.

– Pero se non te vin na miña vida! Como…?

– Iso é porque non abres ven os ollos – interrompeume rindo outra vez.

Antes de que puidese replicar chegamos canda un amigo seu, outro máis cun gran sombreiro, pero desta vez era totalmente vermello con puntiños brancos. Tanto a roupa como a pel eran de cor branca. Ademais, arredor do pescozo tiña unha bufanda algo rota e amarelenta que lle tapaba os ombreiros, e uns zapatos moi grandes adornaban os seus pes, pregunteime como pode andar sen caer.

– Déixoo nas túas maos – díxolle a modo de saúdo e despedida.

– Conta comigo, levareino o máis lonxe que poida.

O do sombreiro marrón deume a man e de cerca puiden notar como o seu sombreiro era realmente peculiar, por dentro estaba tapado e tiña un montón de pequenos buratos.

Púxose a recorrer o camiño de volta e nós démoslle as costas para seguir andando. Comecei a fixarme máis no que había ao noso redor. Antes non me decatara pero todos os demais que miraba ao lonxe tamén levaban sombreiros, algúns aseméllanse moito entre eles namentres que outros son totalmente distintos. Pasamos preto dun moi vello, cun sombreiro todo roto (ata diría que iso eran dentadas). Tamén había unhas enormes árbores, tal altas que por moito que tentara ver cara arriba non distinguía as follas.

– En que país estamos? Nunca escoitei falar dun sitio así.

– Podes chamalo o país dos fungos – contestoume tras pensalo un anaco.

– O país dos fungos…? Non me soa de nada…

Volvín a vista para seguir mirando as pintas tan raras que tiñan todos. Estaba observando a un cun sombreiro que parecía desfacerse nun líquido negro cando tropecei cunha raíz e caín de cara ao chan.

– Ten coidado!

– Estou ben, non te preocupes – respondín sen darlle importancia, non me fixera dano pero quedei no chan abraiado co que tiña diante de min. As miñas mans estaban apoiadas no solo, pero este estaba cheo duns filamentos delgadiños e longos, moitos era brancos pero outros tantos tiñan outras cores.

– Que é todo iso? – preguntei erguéndome.

– É o que nos da forma.

Ía preguntar que era iso de dar forma ata que advertín que algo lle  faltaba ao meu compañeiro.

– E os teus brazos?

– Meus brazos? – respondeume botándose a rir – pero se nunca tiven brazos. De repente achegouse a nós un ser totalmente amarelo.

– Xa estou aquí, xa podo seguir eu – viña dicindo.

Pero en canto se arrimou tiven que afastarme polo terrible cheiro a gas que desprendía.

– Diso nada, contigo non sigo – díxenlle tapando o nariz mentres o meu compañeiro ría polo baixo.

– Boh! Tampouco é para tanto, ven acá.

Tenteou achegarse a min pero eu seguín camiñando cara atrás ata que choquei con alguén máis alto ca min.

– Síntoo – dixen virándome.

– Non te preocupes – díxome virando á súa vez.

Era terriblemente alto, polo menos dúas veces eu. O seu sombreiro era enorme, a parte de abaixo, a única que alcanzaba a ver, estaba cuberta por unhas grandes láminas brancas. No pescozo tiña unha preciosa bufanda feita de algo que parecía tan suave como as plumas, cubríalle dende o nariz ata os ombreiros. E o resto do corpo intercalaba as cores marrón e branco.

– Podes acompañalo ti? – preguntoulle o do sombreiro vermello. Mirou ao de cor amarelo que estaba algo molesto.

– Veña anda, lévao contigo que comigo non vai querer ir – díxolle fulminándome coa mirada.

– Pois imos aló! – díxome o meu novo acompañante cun sorriso que so advertín pola curvatura dos seus ollos. Aínda que custoume entendelo, cada vez notaba as súas voces máis baixas.

Os outros afastáronse e nós emprendemos de novo o camiño. E eu por fin fixen a pregunta que tanto tempo levaba querendo facer.

– Por que todos levades sombreiros tan grandes?

– Non todos levamos sombreiros, só aqueles que o precisamos.

Nada máis responderme sentimos uns golpes contra o chan que se achegaban a nós.

– Xa veñen! Apártate senón… – estaba dicíndome cando de súpeto algo case me pisa e colleu ao meu compañeiro–. Foi un pracer acompañarte! – gritoume antes de desaparecer na superficie.

Ía comezar a correr cando unha enorme bola faloume.

– Ven por aquí, que a min non me queren – díxome, e non o dubidei dúas veces.

– Que acaba de pasar? – preguntei escandalizado cando deixei de escoitar os golpes.

– Son cousas que ás veces pasan por aquí – dixo mirando con mágoa para a superficie–. Sigamos, non temos tempo que perder.

Comezou a dar brincos en vez de camiñar.

– Non tes pés?

– Pés? Quen me dera telos! – respondeume.

A verdade é que non parecía humano, fai un bo rato que ningún mo parecía. Pero este moito menos, era unha bola marrón con escamas aínda máis marróns pegadas ao corpo, e da parte de abaixo saíanlle unhas raiciñas brancas. Pero o máis sorprendente é que non tiña sombreiro.

Notábase que estaba esgotado e alegrouse moito cando nos atopamos cun de cor laranxa algo verdoso.

– Menos mal que din contigo, faime o favor, lévao ti que eu estou a piques de abrir – díxolle.

– Faltaría máis!

– Ah! Tede coidado que andan preto! – advertiuno.

– Tereino –contestoulle. Volveuse cara min e fíxome un amago para que o seguise.

Tamén daba brincos e tiña o sombreiro dobrado cara arriba, da cabeza saíanlle unhas láminas que terminaban no final do sombreiro. Non era humano. Xa sabía o que era, mellor dito, o que eran.

–Sodes cogomelos? –preguntei.

Sorriu, pero antes de que puidese responderme volvemos escoitar os golpes de antes.

– Colle piñucas e ponas enriba de min – mandoume.

Fixen o que me dixo o máis rápido que puiden. Cando rematei os pasos estaban moi preto, escondinme baixo o seu sombreiro pero cunha das follas rompín parte das láminas e comezou a saír un líquido laranxa.

– Ai, síntoo moito! Fíxente dano? – preguntei preocupado.

Non me fixo caso porque estaba a espera de que se afastaran os golpes.

– Menos mal, non me viron – dixo aliviado.

Continuamos un pouco máis o camiño ata que se detivo e desculpouse por non poder acompañarme máis lonxe.

–Para a miña desgraza vivo neste piñeiral… Está tan preto… –lamentouse–. Mira, só tes que ir de fronte e xa te atoparás con outro de nós. E bule, non te queda moito tempo.

Seguín o camiño pero este comezou a mudar de aspecto, agora era máis lúgubre, xa apenas  vía árbores, no seu lugar había uns grandes bloques. Incluso o chan mudara lixeiramente, non había tantos filamentos coma antes. Pregunteime que sitio era este e por que xa non había cogomelos.

Tardei un pouco en dar con un, cando o vin achegueime a el pero xusto detrás miña algo fixo un enorme burato no chan e perdín o equilibrio. Ao voltearme vin como a causante foi unha gran pa amarela que levouse gran parte da terra.

– Sae de aí! Ou acaso queres morrer? – díxome o cogomelo, aínda que apenas o puiden escoitar.

Achegueime asustado, el tampouco tiña boa cara. Era todo branco e o sombreiro dunha cor entre granate e marrón.

– Que sitio é este? – pregunteille.

– Os humanos chámanlle cidade – murmuroume antes de que eu me esvaecese.