Outono

O relato «Outono» foi presentado por Lidia Pena Leira ao concurso de relatos da XXXVIII Semana Micolóxica Galega na categoría de Adultos.


Non, que eu non digo máis que que non é xusto! E agora que…? Que fago eu…? E ti…? Que fas ti…? Xa está? Aquí remata? Non!! Négome!!

E ti preguntarías “Como estás? Que sentes?”

Pois…que como estou!? Que como estou!? Pois estou mal, estou mal, síntome moi mal!!

E preguntarías… “De que cor?”

Pois de cor negra, gris, unha cor escura, moi escura! Coma se unha nube de fume me envolvese por completo e… e síntome de cor vermella tamén, da rabia que teño dentro, de pensar o inxusto que é isto, da impotencia!

E marrón, marrón de dor, dunha dor moi profunda.

…………………………………………………………………………………………………

No meu pobo sempre escoitei dicir que o outono non lles gusta, que é unha estación moi triste, que as árbores perden a súa esencia e que os días escurécense e incluso teño escoitado que o outono é a estación da morte porque a xente apágase e morre como morren as follas.

Para nós o outono era a mellor estación do ano. Ver caer as follas á xente coma nós alégranos. Caen as follas si, mais iso da a oportunidade de que outras cousas poidan crearse. Ese ecosistema que só pode existir grazas ao leito que crean as follas, á súa humidade.

Ver as paisaxes, esas que ves tódolos días dende a túa fiestra e que mudan totalmente coa caída da folla e entón, coma por arte de maxia, aparecen cousas que nunca viras e fanse completamente novas. E as cores, esas cores marabillosas que nos envolven só nesa estación. Canta alegría trae o outono…

Sempre foi a nosa estación preferida. Menos horas de luz pero máis horas de paseo. Parece curioso, verdade?

Gustábache pasear comigo, facíalo cada vez que tiñas oportunidade, daba igual a estación do ano na que estivésemos, daba igual o frío, a choiva ou a calor. Saír, respirar, escoitar e observar. Co paso do tempo doume conta que eses paseos fixéronme ser máis paciente, ver as cousas con outros ollos, diferenciar miles de cores que aparentemente parecen a mesma e aprender que ás veces as cousas que máis chaman a atención son as máis perigosas… Coma na vida…Coma nos cogumelos…

Amanita.

Todo comezou cunha Amanita muscaria que vimos no souto máis grande que había na aldea e no que apañábamos as castañas para facer o magosto. Coa escusa das castañas aproveitábamos para acender por primeira vez a lareira da casa xunto coa chegada dos primeiros fríos dando así por inaugurado oficialmente o outono. Xa era todo un ritual.

Canta fermosura naquela amanita que observamos por primeira vez! Redondiña, vermella, con pintiñas brancas perfectamente colocadas, e como brillaba!

Moito máis bonita na realidade que naqueles debuxos da tele que para daquela eu, aínda vía. Aquelas cores, aquela perfección, parecía tal cal que estaba a chamar por nós.

“Mira coma as dos debuxos que vexo! Nelas que viven os gnomos!” díxenche eu. E ti, sen pensalo dúas veces, achegácheste coa idea de recollela para min.

Por suposto, para daquela, non tiñamos nin idea de cogumelos, mais… algo en ti dixo que non, que había que igual non era boa idea collela, que había informarse antes e…iso fixemos, en canto chegamos á casa, buscamos información ata que atopamos a foto e a descrición correspondente:

Amanita muscaria: rebentabois, brincabois ou amanita pinta. É un cogumelo tóxico pertencente á orde das Agaricales, frecuente na Galiza e en toda Europa e caracterizado polo seu sombreiro de cor vermello ou alaranxado salpicado de numerosas pintas brancas.

“Fungo pintarraxado, atola ás moscas e máis ao gando” liches.

-Tóxica?? Pero se está en tódolos debuxos animados!! Como pode ser?– dixen eu

Esa foi a primeira , a sorpresa, a que nos enganchou porque, ante nós abriuse un mundo que non coñecíamos en absoluto pero que acendeu en nós unha curiosidade infinita.

O seguinte que fixemos foi ir ata a librería do pobo e asesorarnos para mercar un cesto, unha navalla e unha guía que nos puidese acompañar sempre que saísemos de paseo xa fose en outono ou noutra estación diferente porque, ás veces noutras estacións, tamén aparecían.

Despois desa Amanita , chegaron miles de consultas, miles de formas, de cores, de olores, de sabores, de texturas, de receitas, de lugares, de viaxes, de paseos, de observacións…

Que marabilloso era tirar dos meses… dos días… para que chegase antes a nosa estación, onde aprendíamos tanto de cogumelos pero que, sobre todo, na que tanto nos coñecíamos.

Catorce outonos sen parar de saír aos cogumelos nos que os paseos se estendían ás veces ata a noite e nos que marchábamos á casa pensando a onde poderíamos ir ao día seguinte ou xogar a retarnos para ver se éramos capaces de atopar en tal sitio tal especie.

Recordo que aquilo condicionou totalmente as miñas viaxes no coche. Sempre ía mirando polas fiestras con atención as copas das árbores dos lugares por onde pasábamos intentando localizar novos piñeirais, soutos, carballeiras… para logo dicircho e ir mirar a ver que nos atopábamos. Sen querer, o outono estaba presente para min durante todo o ano e ti con el. Que marabilloso!

Xa nunca voltamos a ver unha Amanita muscaria tan fermosa como aquela primeira.

Moitas veces teño pensado que que a vísemos alí, tan ben colocada, tan perfecta, chamando a nosa atención, non foi casualidade porque, daquela observación, da curiosidade que xerou aquela primeira consulta, naceu o amor á máis grande experiencia que puido unirnos nas nosas vidas! Algo que era só noso, a nosa intimidade, o noso mundo, a nosa aprendizaxe que ademais, en moitas ocasións, puidemos comparar coa vida mesma. Facer esas comparacións,  a medida que eu ía crecendo, tamén volveuse algo necesario para min.

…………………………………………………………………………………………………

E non, non digo outra cousa máis que que non é nada xusto o que aconteceu, porque así o sinto eu!

Unha amanita xuntounos – despois de todos estes anos teño a seguridade de que nada nos xuntaría máis neste mundo que iso – e un pan do demo, unha cacaforra da morte, unha soa confusión, unha Amanita phalloides, separounos para sempre.

Porque nos cogumelos, como na vida mesma, ás veces non hai segundas oportunidades. Grazas pola túa derradeira aprendizaxe Avoa.