Stropharia aeruginosa

O relato «Stropharia aeruginosa» foi presentado por Tomás Rodríguez Novoa ao concurso de relatos da XXXVIII Semana Micolóxica Galega na categoría de Adultos e foi valorada polo xurado deste concurso como primeiro premio.


Flora era unha avoa Viquinga, alcume polo que a coñecían en terras do Conde de Lemos. Tiña a pel pálida e un cabelo platino que encaixaba á perfección cos seus ollos claros, dándolle un aspecto nórdico. Era afable e brava, dous aspectos do seu carácter que reinaban a partes iguais e lle permitiron criar os seus fillos, rexentar unha tenda de ultramarinos con taberna e nos seus momentos libres dedicarse á súa paixón: o coñecemento e a recolección de cogomelos.

De moza saía ao monte co seu marido Manuel, que era o mentor da súa paixón, como gran coñecedor do mundo fúnxico, grazas a pasar os seus anos de mocidade no País Vasco, unha terra de gran arraigamento micolóxico. O amor que profesaban Flora e Manuel polos bosques era proporcional ao seu coñecemento, e canto máis aprendían e descubrían, máis curiosidade e pracer sentían.

Ao nacer os seus dous fillos e debido á crianza, as súas saídas ao bosque víronse reducidas a unhas poucas horas nas fins de semana, para o que frecuentaban un pequeno souto que lindaba a escasos metros da súa casa. Nese máxico espazo alzábase maxestoso O Cuco, un ancián castiñeiro, testemuña viva do paso do tempo, como ben lembraba Flora cando a súa avoa dicía que era anterior á construción da fachada do Obradoiro da Catedral de Santiago. O Cuco era un lugar de reunión veciñal dos escasos habitantes da aldea e tamén o principal santuario micolóxico de Flora e a súa familia.

As primeiras incursións cogomeleiras acompañando os seus fillos foron no souto. Flora inculcáballes un profundo valor e respecto pola natureza. Sentados aos pés do Cuco, gozaban dos seus froitos, dáballes a merenda ás súas crianzas e contáballes historias máxicas do bosque, mentres cheiraban diferentes especies de cogomelos, apalpaban as súas diferentes texturas e apreciaban as súas variadas cores. Tamén frecuentaban os pasteiros próximos, onde procuraban as prezadas zarrotas (Macrolepiotas), consumidas polos seus antepasados e que practicamente eran a única especie valorada en terras monfortinas. Ismael e a súa irmá pequena Gala aprenderon case ao mesmo tempo a cantarela “zarrotiña, zarroteira, dime onde está a túa compañeira e dareiche un cacho dela” e “a galiña turuleca puxo un ovo”.

Con Manuel compartía o estudo e identificación doutros espécimes menos comúns, para o que consultaban a escasa bibliografía que posuían, baseada en dous ou tres libros que o seu marido gardaba celosamente. Así transcorrían as súas vidas, respirando natureza a bocaladas.

Algúns anos máis tarde, nunha fría mañá de outono, Flora recibiu a inesperada noticia do falecemento de Manuel, froito dun tráxico accidente no seu labor como ferroviario. O seu mundo esborrallouse e só atopou consolo nos seus fillos Ismael e Gala.

Poucos días despois do enterro, nunha tarde escura, Flora achegouse aos pés do Cuco e entre bágoas divisou un precioso cogomelo de cor esmeralda que nunca antes vira. Revisou a contorna do xigantesco castiñeiro, que lle era tan familiar como a súa propia casa, e non atopou ningún exemplar máis. Tombouse, fascinada, xunto ao fermoso cogomelo, pero algo confusa. Cavilando lembrou algo que a fixo estremecer; unhas palabras sen importancia que lle escoitara moito tempo atrás ao seu marido, pronunciadas nese mesmo lugar e que agora resoaban na súa cabeza con forza, ”se eu for un fermoso cogomelo, habitaría este pequeno espazo acubillado polo Cuco”. Ao cabo dun intre, Flora incorporouse un pouco máis relaxada e asumiu que a súa cabeza deliraba; respirou profundamente, volveu admirar unha derradeira vez a beleza do cogomelo esmeralda e regresou ao seu fogar.

As seguintes tempadas foron duras para Flora; as estacións sucedíanse con indiferenza e sen colorido. Vivía nun inverno permanente, as súas vivencias con Manuel resoaban na súa cabeza coma o eco dun martelo. Dedicaba o seu tempo case en exclusiva á tenda e aos seus crecidos fillos. Os anos precipitábanse no baleiro ata que un acontecemento o cambiaría todo e que atenuaría gran parte da súa antiga dor: o nacemento dos seus netos, Luís e Mencía, que se levaban tres meses de diferenza.

Volveu a recuperar ese brillo especial que anos atrás lle proporcionaba a choiva outonal ao gozar dunha vida ao aire libre. Cos seus netos ansiaba experimentar de novo eses micro- universos que tanto pracer lle producían. O seu fillo Ismael e pai de Mencía converteuse nun flamante enxeñeiro forestal e agora vivía coa súa familia en Lugo. A súa irmá Gala e nai de Luís cursara bioloxía na Universidade de Vigo, onde vivía e exercía como competente e valorada profesora. Ambos os grupos familiares visitaban tanto como podían a Flora, que aproveitaba calquera ocasión para premialos coa súa exquisita cociña, froito dos ingredientes naturais da súa horta e da riqueza da contorna natural na que vivía.

Poucos anos despois chegaría a ansiada xubilación. Flora disporía dun tempo tan merecido e valioso que provocaba nela unha inquietude ata entón descoñecida: a soidade a tempo completo. Anhelaba a chegada da fin de semana para se reencontrar coa súa familia, en especial cos seus netos, aos que se entregaba con todo o agarimo que era capaz de mostrar. Sabedora das bondades do campo, facía que cada xornada discorrese para os seus netos coma

unha máxica aventura. A Mencía entusiasmábanlle os piñeirais onde abundaban os níscaros e embobaba cada vez que Flora cortaba o pé dun dos Lactarius para o premer nun dos seus pequenos pulsos e deixarlle tatuado un anel de látex mentres pronunciaba: “se laranxa che deixa o anel, casa con el”. En cambio a Luís gustábanlle máis os bosques de frondosas pola súa enorme diversidade onde podía apañar castañas, cogomelos ou tropezarse con algún descoidado animal salvaxe.

Seguiron transcorrendo os anos ata que os seus netos chegaron á adolescencia. Flora era xa unha anciá; a súa enorme vitalidade aínda era admirable, pero as súas perdas de memoria eran cada vez máis frecuentes, debido principalmente a un principio de Alzheimer que lle fora diagnosticado. Nos primeiros tres anos de enfermidade tivo unha boa calidade de vida, ata que o deterioro na capacidade de movemento lle impediu saír a camiñar, polo que os seus paseos se limitaban ao terreo onde estivera a horta da súa casa. Nese espazo verde e familiar, Mencía e Luís preparábanlle algunhas sorpresas para animala e tentar mellorar o seu estado e mobilidade xeral, incentivando a que aplaudise, a que os saudase coas mans… e en ocasións mesmo aparecían cos cestos repletos das máis variadas especies de cogomelos e colocábanas por todo o terreo da leira para así acompañar á súa avoa en continuos paseos micolóxicos, unha das súas grandes paixóns.

Evidentemente, Flora esquecera a infinidade de nomes científicos e vulgares ou refráns que memorizara durante toda a súa vida e cando era capaz de pronunciar algo, o resultado era equívoco ou indescifrable, pero iso non desanimaba nin a Luís nin a Mencía nun intento por contentaren a súa avoa.

Unha chuviosa e outonal tarde de domingo, Mencía atopábase a soas con Flora, pois seus pais saíran e Luís quedara en Vigo preparando uns exames. Decidiu, como de costume, repasar unha das súas guías micolóxicas, que contiña detalladas descricións, fotos, debuxos, coñecementos expertos plasmados en papel que, sumados aos que lle transmitiu durante anos a súa avoa e algún que outro curso micolóxico ao que asistira, a converteran nunha prometedora aspirante a micóloga experta. O seu curmán Luís, ao contrario, máis pragmático e inmediato, escollera outra senda.

Mencía levaba un intre folleando a guía, que situaba habilmente para lles facilitar a lectura a ambas, aínda que era moi consciente da escasa motivación que tal xesto provocaba en Flora. Acababa de pasar unha das páxinas cando notou que algo sobresaltara a Flora, que mantiña a mirada fixa nun dos cogomelos fotografados na guía. Dubidou un instante e ante a dificultade

de comunicarse con ela, debido á fase avanzada da súa enfermidade, achegoulle a guía para que a puidese apreciar con claridade. Entón Flora comezou a chorar como nunca antes vira Mencía, que instintivamente cerrou a guía e apresurouse en consolar á súa avoa.

Tres días máis tarde, Viquinga deixou de loitar.

Ao finalizar o enterro Mencía buscou ao seu pai coa mirada e tras o seu xesto de aprobación dirixiuse camiñando baixo o orballo aos pés do Cuco. Ao chegar, entre saloucos, divisou dous fermosos cogomelos, dunha cor verde esmeralda que reflectían identicamente a cor de ollos da súa querida avoa Flora. Lembrou un fragmento sobre esa especie que tres días antes lera na súa guía micolóxica que dicía “con brillo especial cando chove”.

Respirou profundamente e un pouco máis relaxada, admirou por derradeira vez os brillantes e fermosos exemplares de Stropharia aeruginosa e regresou.