Sabías que as plantas se comunican? No momento en que un pulgón comeza a comer unha planta esta libera unha substancia para atraer animais que se coman aos causantes dos danos. Por se isto fose pouco, a rede de micelio que relaciona a varias árbores a través das micorrizas, xeran un banco común de comunicación, transmitindo nutrientes en caso de que unha das plantas os necesite.
Como son estas substancias capaces de viaxar entre plantas? Como é posible que as transmitan e que haxa unha resposta conxunta entre varios exemplares (de plantas) diferentes? Pois fundamentalmente grazas a varios tipos de interaccións e á capacidade de comunicación que posúen as plantas.
Descobre máis acerca da transmisión de substancias entre plantas a continuación.
Transmisión de substancias entre planta-planta
A liberación de substancias ao medio por parte das plantas é algo moi común e que se coñece dende hai moito tempo. Con todo, a interacción que realizan estes compostos coma unha vía de comunicación entre plantas é algo que aínda se segue a estudar.
Por unha banda temos as substancias alelopáticas. Estas substancias son emitidas por unha planta para deteriorar os exemplares da súa contorna e poder gañar a maior cantidade de nutrientes posible do chan que a sustenta. Desta forma, a planta evita a competitividade con outras plantas, quedando soa e máis a gusto na súa contorna. É dicir, as substancias alelopáticas van en contra do crecemento e xerminación doutras plantas na contorna da planta emisora.
Doutra banda, temos outro tipo de substancias que actúan a favor da comunidade vexetal, equilibrando o crecemento entre as árbores. Son sobre todo o etileno, que é unha substancia defensiva que protexe a planta e as plantas da contorna cando hai algunha ameaza, sobre todo de carácter mecánico, como unha praga que vaia comer as súas follas.
Como ocorre isto? Se á planta número un chega un insecto, que comeza a comela e a deteriorala. Esta planta xenará etileno, que ao ser un gas, comeza a emitirse a través dos tecidos, tanto cara o seu interior en forma molecular, como cara o medio que a rodea.
O etileno que é liberado ao medio chega a outras plantas da contorna, actuando como unha sinal de emerxencia. Ao detectar este aviso, as plantas da contorna “saben” que algo está a ocorrer, que hai un bicho comendo unha planta veciña, polo xeral da mesma especie, e comezan a producir máis etileno para prepararse ante a chegada desta posible praga a elas mesmas.
Agora mesmo estase estudando que no momento en que un insecto comeza a alimentarse dunha planta, as plantas receptoras do etileno da planta atacada, fan que as súas flores comecen a emitir moitas substancias aromáticas. O obxectivo deste cheiro intenso é atraer a depredadores da praga, que están a provocar o dano sobre a planta orixinal, para tentar limitar a súa acción.
En resumo, unha fitohormona é capaz de provocar unha reacción de defensa sobre plantas distintas da emisora, incitando á produción dunha nova substancia encargada de atraer animais que ataquen aos causantes dos danos.
Poderiamos dicir que temos aos pulgóns coméndose a unha planta e doutra banda outra planta provocando cheiros ou determinadas substancias para atraer por exemplo ás mariquiñas que se comen pulgóns. Un comportamento que agora mesmo estase estudando moito.
Con todo, unha das principais canles de comunicación entre plantas a escala global son as micorrizas, é dicir, os fungos.
Transmisión de substancias planta-fungo-planta
Hoxe en día non existe practicamente ningún vexetal que non teña micorrizas propias, máis aló dalgunhas algas do mar e dalgúns vexetais que crecen en ambientes moi extremos. Pero, por que tantas plantas se asocian con fungos nas súas raíces? Porque esta unión simbiótica é moi beneficiosa para as dúas especies.
A micorriza é a conexión entre as hifas dun fungo e as células das raíces dunha planta. Mentres que unha planta sen esta asociación só podería chegar aos nutrientes inmediatamente próximos á súa raíz, grazas a esta relación, as hifas do fungo que se estenden amplamente polo chan, achegan á planta auga e nutrientes afastados.
A cambio desta transferencia, o fungo, que non pode realizar a fotosíntese, precisa sustancias coma azucres que pode obter da planta. Establecéndose, deste xeito, unha relación simbiótica que asegura a supervivencia de ambos organismos.
Ademais desta relación de intercambio de nutrientes o fungo dálle protección ás raíces da planta, xerando unha pequena membrana que as recobre. Quedando máis protexidas fronte ao efecto de químicos, patóxenos, coma nematodos, fungos e bacterias, ou incluso impactos mecánicos, actuando case coma armadura protectora.
Pero, como intervén a micorrización na comunicación entre plantas? As micorrizas teñen unha alta capacidade de “contaxiarse” entre árbores, e dicir, son capaces de asociarse entre a varias árbores que estean preto entre si. Imaxinemos que hai un fungo que se asociou ás raíces dunha árbore e, ao mesmo tempo, doutro que ten próximo.
Isto fai que se forme unha rede de micelio entre as plantas (xeralmente da mesma especie), que vai actuar coma un “banco común”. No caso, por exemplo, de que unha das árbores teña carencias hídricas (estea a recibir menos auga que a outra), a primeira árbore poderá actuar de doante de auga a través desta rede fúnxica, a través das micorrizas, enviando os recursos que a outra árbore precisa.
Do mesmo xeito, a situación repítese se o que precisa unha das árbores son nutrientes, pois a outra árbore vai ser capaz de darlle una certa cantidade a través, de novo, do fungo, sendo este unha especie de coordinador do crecemento de árbores próximas. Isto favorece de gran maneira ás comunidades de árbores dunha rexión, algo que incluso pode ocorrer entre especies diferentes (sempre próximas taxonomicamente), que poden complementar o seu crecemento grazas a esta rede miceliar.
Os fungos e a saúde dos bosques
Esta capacidade conectiva dos fungos é estabilidade dos bosques pódese favorecer mediante a presenza de micorrizas nas plantacións forestais. Ao mesmo tempo que se potencia a correcta nutrición dás plantas, ademais de protexelas contra a entrada de parasitos.
Dende MycoGalicia-Plantae queremos potenciar a explotación sostible dos montes galegos, a través do fomento destas relacións simbióticas entre plantas e fungos. Sendo os cogomelos un valioso recurso xerado nesta relación, que pode ser empregado xunto con outros aproveitamentos nos nosos bosques para mellorar o rendemento económico destas explotacións.
Se estás interesado en potenciar o recurso micolóxico dos montes contacta connosco.
Un aproveitamento sostible e multifuncional xerará maiores beneficios ambientais, sociais e económicos ao longo do tempo.